
A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá o vindeiro mércores, 22 de maio, na cámara alta unha moción instando o Goberno a iniciar un plan de saneamento integral das Rías Galegas e para a recuperación da produtividade das rías galegas. Así mesmo, da Silva chamará ao resto de forzas políticas a apoiar que o Executivo central adopte as medidas socioeconómicas necesarias até a recuperación plena da actividade, tales como a exención das cotas da Seguridade Social dos e das mariscadoras ou o estabelecemento de axudas directas aos distintos elos da cadea afectados.
“Nun contexto de crise ante as importantes perdas económicas dos traballadores e traballadoras do mar afectadas polas intensas choivas deste outono-inverno”, sinalou o BNG, “solicitaremos o apoio das forzas políticas con representación na Comisión de Pesca no Senado para instar o Goberno a levar a cabo as actuacións necesarias que permitan paliar esta situación”.
Trátase, engade a senadora Carme da Silva, “dunha situación extrema que, máis que nunca, precisa de amparo e cobertura por parte da administración competente e dunha actuación áxil e eficaz; así, ante a pasividade da Xunta de Galiza para asumir as súas competencias, trasladamos as demandas do sector marisqueiro que entran directamente no ámbito das competencias do Estado”.
A moción do BNG para o debate e votación na Comisión de Pesca insta o Goberno do Estado a iniciar un plan de saneamento integral das rías galegas e de rexeneración dos bancos marisqueiros. Ademais, Carme da Silva defende que o executivo adopte medidas socioeconómicas “até a recuperación plena da actividade como a exención das cotas da Seguridade Social dos mariscadores e mariscadoras ou o estabelecemento de axudas directas aos distintos elos da cadea afectados: mariscadores, confrarías, depuradoras, cocedeiros e industria de transformación así como ás comercializadoras…”.
A senadora criticou “a pesar da situación de crise do sector, a Consellería do Mar só aceptou as propostas que viña formulando o BNG durante este meses a finais de decembro, cando as zonas máis afectadas levaban xa case tres meses abandonadas á súa sorte”. E engadiu: “Non foi até febreiro, en plena campaña electoral, cando a Consellería efectuou un pago de 550 € a parte dos mariscadores e mariscadoras afectadas. Foi o único apoio que recibiron da Xunta desde outubro, e só nalgúns casos, cando a día de hoxe aínda as praias están arrasadas, seguen sen actividade miles de persoas e tamén sen expectativas de retomala a curto prazo para poder comezar a recuperar as rendas do seu traballo”.



