Noia entrega este sábado a Xosé Ricardo Losada o XXII Premio Literario Antón Avilés de Taramancos

03 Maio 2024
O escritor e mestre rianxeiro Xosé Ricardo Losada

Este sábado 4 de maio, sábado, terá lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos o acto de entrega do Premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos a Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor de Rianxo, polo traballo Un inferno frío.

No acto, previsto para as 12:30 horas, intervirán, entre outros, o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez; membros do xurado do premio, Raúl Soutelo, Antonio Piñeiro e o alcalde de Noia, José Santiago Freire.

Sinopse de Un inferno frío

Don Faustino, un crego alternativo e humanista, morre en estrañas circunstancias na parroquia conservadora da Balvanera nun contexto de forte represión política nunha ditadura militar.

A comunidade galega en Bos Aires, tanto a emigrante como a exiliada, queda conmocionada. Sobre todo cando, despois das primeiras dúbidas sobre se foi un accidente ou un suicidio, comeza a impoñerse a evidencia de que foi asasinado polas súas idea políticas. Castelao e Virxinia, que tiñan unha recente pero intensa relación con el, dubidando da versión oficial dun accidente, deciden investigar pola súa conta, con valentía, pero coa prudencia que esixe o seu rol de exiliados aos que lles permitiron entrar no país a condición de que pasasen desaparecidos. Xóganse a súa expulsión do país ou, incluso, a súa propia vida.

Un inferno frío é o lugar onde viven todos aqueles que, contra o criterio maioritario, buscan con paixón e decencia a verdade.

A verdade da ficción, por suposto, pero tamén a verdade do que realmente pasou, pois esta novela está baseada en feitos e en personaxes moi reais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.