
Xa non son, exclusivamente, as apreciacións dos peritos xudiciais relacionados co informe sobre o afundimento, o pasado 15 de febreiro de 2022, do arrastreiro de Marín Villa de Pitanxo. É, agora, unha resolución xudicial a que valida a principal proba técnica das causas dese afundimento. No ditame pericial non houbo, polo tanto, os erros denunciados polas defensas da casa armadora e o patrón do buque.
Nun comunicado feito público por estes, amosaban a súa disconformidade co informe da Sección Terceira do Penal da Audiencia Nacional e co papel desempeñado polos peritos xudiciais.
O informe pericial evidencia agora que o naufraxio “foi consecuencia da neglixencia de Padín” (o patrón do arrastreiro), e conclúe que “a causa máis probable do afundimento do Villa de Pitanxo foi un erro humano do patrón pola falta de percepción cabal do risco de afundimento que supuña a manobra para librar o embarre do aparello do fondo mariño, con mar e vento de popa e a tolva de descarga de refugallos aberta, poñendo en grave risco a seguridade do barco e a dos seus tripulantes.
Como segunda causa da traxedia, o informe coida “factor constituínte do accidente a demora coa que o patrón deu a orde de abandono de buque á tripulación, o que condiciona o abandono de xeito ordenado e con algunhas posibilidades de éxito”.
Nun terceiro aspecto contribuínte do accidente, o informe recorre á falta de familiarización dos tripulantes coas súas obrigas e funcións atribuídas no cadro orgánico para solucións de emerxencias, así como co uso dos traxes de supervivencia, chaleques salvavidas, equipos de supervivencia das balsas salvavidas e os dispositivos radioeléctricos de salvamento, o que permite entender a falta de formación a bordo e a non realización de exercicios periódicos de abandono de buque, cuestións que amais do patrón, afectan tamén aos armadores -Pesquerías Nores- polo seu presunto consentimento desta inseguridade laboral.
O recurso dos avogados pretendía anular o informe elaborado por peritos xudiciais designados polo Xulgado Central número 2 da mesma Audiencia Nacional, que se encarga da causa que investiga a presunta comisión de 21 homicidios por imprudencia grave (entre outros delitos).
O Villa de Pitanxo afundiu en augas de Terranova na amencida do 15 de febreiro de 2022, falecendo neste accidente 21 tripulantes. Só o patrón do buque, un mariñeiro -sobriño deste- e outro mariñeiro de nacionalidade ghanesa son os superviventes do naufraxio que conmocionou á Galicia mariñeira.
A resolución xudicial coñecida agora da valor ao informe elaborado polos peritos designados polo xulgado instrutor, considerados capacitados para o labor encomendado.
As defensas do patrón e a casa armadora do buque afundido, solicitaran a nulidade da proba, desacreditando aos peritos.
Dende o momento no que os superviventes chegaron a Marín, o mariñeiro natural de Ghana -residente en Galicia dende fai uns anos- fixo recaer no patrón a responsabilidade persoal no naufraxio do Villa ded Pitanxo, acusación que ratifica actualmente a Audiencia Nacional.



