O Concello de Muros aprobou no pleno municipal da Corporación unha moción para solicitar á Xunta de Galicia “que deixe de cobrar taxas pola realización de actividades e eventos nos espazos portuarios da vila”. A alcaldesa de Muros, María Lago, explicou na sesión que “a maior parte do paseo marítimo pertence a Portos de Galicia e temos que pagar pola súa ocupación para calquera tipo de eventos e estamos obrigados a levar nós o seu mantemento e a facernos responsábeis de todo o que aconteza”.
En concreto, a moción demanda “a non aplicación dos artigos 59, 60, 61, 62, 63 e 64 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de Portos de Galicia, ás autorizacións para instalacións de lecer e similares propostas polas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, de xeito que queden exentas do pago das taxas pola realización de actividades no dominio público portuario”.
O Concello solicita ademais “a flexibilización do pago das dúas últimas anualidades pola utilización do dominio público portuario por parte dos concellos”.
A moción tamén reclama que “para o caso que desde Portos de Galicia se sigan a cobrar taxas aos concellos por utilización dos espazos portuarios, a cantidade recadada sexa investida en melloras e mantemento do porto do mesmo concello” e “da mesma maneira, co montante do cobrado sexa abonado o seguro de responsabilidade civil, que cubre os sinistros acaecidos no terreo de Portos, que están a abonar os concellos”.

ELA
O pleno do Concello de Muros aprobou tamén unha declaración institucional en apoio ás persoas afectadas pola ELA, instando “ao poder lexislativo estatal para que proceda a tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas unanimemente e non esqueza que a garantía dos coidados 24/7 deben constituír a base fundamental da futura lei”.
O Concello de Muros pide tamén “á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia para que, dentro do ámbito das súas competencias sociosanitarias, teñan en conta as necesidades do colectivo de doentes e familiares, á hora de deseñar, implementar e aplicar políticas que poidan incidir na mellora da calidade de vida dos afectados”.
Por último, “o Concello de Muros comprométese, dentro das posibilidades técnicas, orzamentarias e loxísticas municipais, a colaborar coa asociación AGAELA, naquelas accións que esta asociación leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desta patoloxía”.



