Augas de Galicia (Xunta) contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais de carácter municipal na parroquia de Santa María A Antiga, no concello da Pobra do Caramiñal. O persoal do Programa de Control de Vertidos constatou esta anomalía no transcurso dos labores rutineiros que vén desenvolvendo no termo municipal, rexistrando a presenza dese vertido procedente da rede de colectores municipais.
Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobaron que o problema estaba causado pola rotura do muro da rede de colectores, facendo que as augas acadasen o dominio público nas proximidades da desembocadura do río Morto na ría de Arousa.
Ante esta situación, foille comunicada a incidencia ao Concello para que adoptase as medidas oportunas co fin de corrixir a situación. “Nunha inspección posterior o persoal de Augas de Galicia constatou que se eliminara o punto de vertido tralo selado da rotura e a reconstrución do muro, co que se eliminou ese aporte de augas residuais ao dominio público no ámbito deste municipio”, informaron fontes da Xunta.



