Disfraces e música tomarán as rúas da Pobra coa Choqueirada de Verán

27 Maio 2024

O Concello da Pobra presentou os detalles da Choqueirada de Verán, un evento festivo con aires de Entroido que se incorpora á programación estival nunha aposta conxunta pola parte das concellarías da Cultura e da Mocidade.

Os disfraces e a música son os dous elementos sobre os cales fundaméntase esta acción que tomará as rúas da localidade no 29 de xuño.

A charanga Castrexos animará distintos espazos do núcleo urbano na sesión vermú para lle ceder o protagonismo a Leite Con Jalletas cun concerto na praza de Maura, ás 19.00 horas e, posteriormente a The Cuncas, ás 20.30 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán.

Pola súa banda, Discomóvil Chocolate encargarase de lle pór ritmo á noite dende a praza Alcalde Segundo Durán, ás 22.30 horas.

“Decidimos retomar unha festa que se celebrou na Pobra anos atrás para desfrutar do verán doutra maneira. Queremos potenciar a creatividade da veciñanza a través do formato de deseño e configuración dos disfraces; queremos que as familias e as amizades se disfracen en grupo segundo unha temática da súa libre elección. Por iso anunciamos esta actividade con tanta antelación: para que a xente teña tempo suficiente de facer os seus disfraces. Así, meses despois do desfile do Entroido, a vistosidade volverá encher as rúas da Pobra”, declarou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Trátase dunha proposta que tamén busca ofrecer opcións de ocio no municipio á xente nova, segundo recoñece o edil da Mocidade, Eloy Sobrido. “É unha festa para tódalas idades, pero tamén buscamos que a xuventude teña alternativas de lecer diferentes das que pode atopar nos concellos da contorna. E, a maiores, tamén contribuímos a dinamiza-la hostalaría con concertos localizados nas súas inmediacións que conviden a desfrutar da música nas terrazas”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.