
O problema que afecta arestora ao sector da pesca de Galicia no é asumir a descarbonización, que non se opón -nin moito menos- a tal formulación, considerada esta como beneficiosa pata os ecosistemas: oponse á eólica masiva, que lle impide planificar un futuro inmediato. Tan inmediato, que serán os parques eólicos mariños os que impoñan a lei do máis forte. Pero non son as enerxías renovables as inimigas dos mariñeiros. O problema radica na cobiza das compañías eléctricas que, sen avaliar os impactos, pretenden una implantación de eólicos que atentan contra o presente e o futuro das e dos profesionais da pesca.
As rúas de Burela (Lugo) foron escenario este sábado, da protesta contra a eólica mariña, considerada “incompatible” coa biodiversidade dos ecosistemas mariños. Os mariñeiros coidan que o cambio climático afectan por partida dobre aos seus intereses: en tanto en canto que integrantes da sociedade civil e, pola outra banda, na súa condición de traballadores que dependen do bo estado dos ecosistemas mariños para seguir a vivir da pesca e levando alimento á poboación.
É un segmento da poboaciòn que, como membros do gremio de pescadores, están a prol da xa citada descarbonización e mesmo a implementación das enerxías renovables limpas que reduzan as emisións de CO2, sempre e cando as instalen fóra dos caladoiros de pesca e se realicen as avaliacións de impacto, previas á súa implantación.
No Manifesto de Burela, os pescadores fan constar que a costa atlántica e cantábrica de España, son as máis ricas en caladoiros de pesca e teñen una das frotas de pesca máis importantes da UE, con máis de 200 caladoiros catalogados en Galicia e Asturias, de aquí que a enerxía eólica mariña non sexa compatible cos usos cotiás nin coa “escasa plataforma continental” da que dispoñen.
A contaminación acústica e as súas graves consecuencias para as aves e mamíferos mariños, ao igual que os cambios na rapidez e dirección das ondas e os posibles efectos da alteración das correntes mariñas e a súa afectaciòn aos substratos e á biodiversidade , son os principais impactos acumulativos no medio mariño.


