Aprobados en Ribeira acordos para modificar o contrato de xestión da auga e para dotar de persoal médico o Centro de Saúde

28 Maio 2024

O pleno ordinario da Corporación de Ribeira deste luns 27 de maio saldouse con importantes acordos, entre os que se conta a aprobación a modificación do contrato de xestión dos servizos públicos de abastecemento de auga para consumo e saneamento do Concello, contrato adxudicado no ano 2010 que logo de tres lustros de vixencia precisa adaptarse aos novos investimentos e instalacións.

Segundo explicou Herminia Pouso, concelleira de Economía e Facenda, a modificación “é unha necesidade técnica de actualización de xeito que o contrato dea recollida a novos servizos que se puxeron en marcha”. Con esta modificación, explicou, “elimínanse puntos de bombeos e incorpóranse as instalacións novas tales como os tanques de tormenta ou bombeos das depuradoras de Corrubedo e Ribeira”.

O pleno tamén aprobou, coa abstención do Partido Popular, un crédito extraordinario para o arranxo do estacionamento do Centenario co remanente de tesourería para gastos xerais, cun importe de 79.000 euros. O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, lembrou que a empresa que resultou adxudicataria do servizo do parking no 2003 entrou en concurso de acredores no 2010, polo que este Goberno comezou a levar a cabo as inspeccións pertinentes e comprobou que as instalacións teñen un estado de deterioro importante”. Pola súa banda, a concelleira de Comercio Veva Betanzos, dixo que “a xestión privada foi “un erro que se demostrou ao longo do tempo” co despido de traballadores e deixando de dar servizo as 24 horas, e engadiu que “este goberno vai adxudicar o servizo de conserxes, limpeza e mantemento para desfrutar dun aparcadoiro 24 horas coas tarifas máis baixas de todo Barbanza”.

O devandito trámite levouse a pleno, tras aprobarse hai dous meses o informe que facía incidencia na reparación de patoloxías do aparcadoiro cun importe de 892.000 euros. “É urxente facer fronte a unhas primeiras deficiencias para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do aparcadoiro e mellorar a prestación do servizo que se fai á veciñanza”, afirmou Herminia Pouso, quen explicou que “precísase financialo co remanente de tesourería ao estar cos orzamentos prorrogados”.

O Centro de Saúde

A Corporación Municipal aprobou unha proposición conxunta presentada polos grupos do BNG, PBBI e PSOE sobre a necesidade de dotar de persoal médico suficiente ao Centro de Saúde de Ribeira. “Ante a falta de profesionais médicos que vén padecendo durante anos, derivado da deterioración das súas condicións laborais, de axendas interminábeis e xornadas infinitas, padecemos un defecto crónico na Atención Primaria de Ribeira, tanto no caso do centro urbano coma nos centros sanitarios das parroquias, de modo que as citas veñen demorándose progresivamente ata límites máis aló do aceptábel”, explicou o concelleiro de Sanidade Juan Luis Furones, quen destacou que “as contratacións estiveron conxeladas durante os anos de Goberno de Feijoo” e actualmente 6 de cada 10 centros non teñen pediatra.

Veva Betanzos cualificou de “precarias” as situacións laborais ás que están sometidas as profesionais da sanidade, “sen que a Consellería de Sanidade xestionada polo PP estea facendo nada ao respecto”, dixo, engadindo que “cando estaba o PP no goberno xustificaban que non se posicionaban coa veciñanza de Palmeira e Corrubedo porque non buscaba rendemento político, agora que están na oposición, van defender á veciñanza de Ribeira?”

Deste xeito, o pleno acordou instar á Xunta a declarar o Centro e Saúde de Ribeira como posto de difícil cobertura coa aplicación dos baremos de puntuación en función do tempo traballado que iso reporta, a cubrir as prazas vacantes ata completar persoal por medio de traslados, OPE ou contratos ata que se adecúen ao persoal necesario para atender de maneira axeitada á poboación, a adaptar a xornada laboral e as axendas médicas ás recomendacións das organizacións médicas, con tempo suficiente para a atención aos pacientes conforme ás súas necesidades e non a cubrir de números baleiros de contido que presentar á prensa e propón estudar, no caso de ser necesario, aplicar incentivos para a consecución do persoal necesario para o mantemento do servizo asistencial”.

O pleno ao completo pode reproducirse na canle de Youtube municipal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eurocopa”. Xulio Xiz

“Eurocopa”. Xulio Xiz

Noto o peso dos anos, máis ca fisicamente nas continuas referencias a tempos idos. E non porque xeneralice a bondade do pasado, que moito habería que matizar, senón porque o paso do tempo me vai permitindo comparar situacións que me parecen aberrantes. O deporte –...