A Pobra acolleu a proxección do documental “Voces da conserva”, impulsado polos concellos de Barbanza-Arousa

11 Maio 2024

O público da Pobra do Caramiñal puido asistir este venres 10 de maio, de maneira íntegra, á proxección do documental Voces da conserva ao abeiro da programación do Maio das Letras Galegas 2024. Foi no Teatro Cine Elma. A Pobra converteuse así na segunda das paradas desta proxección itinerante polos municipios que conforman a Mancomunidade Barbanza Arousa: A Pobra, Ribeira, Boiro e Rianxo.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, abriu o acto cunha intervención na que destacou o papel que xoga este documental para a sensibilización sobre a importancia das fábricas de salgadura e da conserva nas localidades costeiras, o singular patrimonio material e inmaterial que deixou esta industria, e a relevancia das mulleres na mesma.

Case 20 minutos dun documental que concentra parte da historia dos concellos do Barbanza a través da salgadura e da conserva, así como dos vestixios que quedan dese pasado. Partindo da experiencia vital de Encarnación Castro, quen comezou a traballar na fábrica da Ribeiriña, de Andrés Díaz de Rábago, con só trece anos, incorpóranse á narrativa o testemuño de historiadores e de Manuel Reinaldo Loureiro Pérez, bisneto do fundador do primeiro almacén de salgadura de Castiñeiras. Deste xeito, abórdase o impacto desta industria na nosa vida dende distintas perspectivas: social, económica, cultural, urbanística e turística.

Centrándose na Pobra, todo isto debullouse nun diálogo posterior, pero antes, a edil Patricia Lojo quixo facer entrega dun ramo de flores como obsequio a Encarnación Castro, quen estaba presente como unha das convidadas a esta xornada.

A xornalista Ana Rial encargouse de moderar o coloquio no que participaron Miguel Ángel Vidal Lojo, arqueólogo; José Manuel Vázquez Lijó, historiador; Victoria Villoch Vázquez, doutora en Prehistoria; José Ramón González Lago, xerente da conserveira Ramón Franco; Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa; e Lesmes Iglesias, director do documental. Deste xeito, trazouse unha liña cronolóxica, do pasado ao futuro, para falar do patrimonio marítimo, sendo o conxunto do barrio dos cataláns o máis destacado da Pobra; a conxugación de tradición e innovación na elaboración actual das conservas; os proxectos que ten o ente supramunicipal para o concello mediante a reconstrución virtual do referido barrio dos cataláns co uso das novas tecnoloxías; e o proceso de confección do documental para construír unha narrativa que emocionase.

Tras todo isto, dispúxose unha degustación de conservas a base de produtos do mar, maridados con viños da terra.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.