
O Auditorio de Rianxo vai dar acollida este venres 31 de maio a un espectáculo de teatro familiar: Gaia Baba, de Nauta Teatro.
Trátase dunha función familiar (para crianzas de máis de seis anos) que mestura diferentes formatos (monicreques de mesa, teatro físico e máscara) e que nos conta a historia distópica dun mundo devorado polos residuos que perdeu a súa cor, pero no que aínda vive “alguén que varre sen cesar as ondas de lixo que sempre volven, alguén que atesoura a esperanza de que a natureza recupere os seus dereitos: a meiga Gaia Baba”.
O espectáculo dá comezo ás 20.00 horas e ten unha duración de 60 minutos, aproximadamente.
A entrada será de balde até completar a capacidade do Auditorio (poderemos recoller os convites dende unha hora antes do comezo do espectáculo na billeteira).
Gaia Baba é un espectáculo de monicreques onde acción, poesía e comedia conflúen nunha aventura fantástica sobre o cambio climático. Trátase dunha obra sen palabras de teatro familiar, unha obra para toda a familia que pode seducir e apelar tanto a nenos como adultos. Propón unha mestura de linguaxes escénicas e plásticas que pasa polas máscaras, a danza e distintas técnicas de marionetas, dende un monicreque de man ata un oso polar de dous metros.



