A Deputación promove o III Congreso “A Memoria diversa”

23 Maio 2024

O sexilio será o tema principal de debate e reflexión do III Congreso A Memoria Diversa, organizado pola Área de Lingua, Política de Igualdade e de Xénero e de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, dentro do programa Liberdade de ser e de sentir que este ano celébrase os días 31 de maio e 1 de xuño no espazo de intervención cultural A Normal, da Universidade da Coruña. A entrada será libre e de balde ata completar cabida.

O Congreso será inaugurado pola deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, a outense Soledad Agra Tuás e a vicerreitora de igualdade e diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar. Intervirá, así mesmo, o comisario de Memoria Diversa Marcos López.

A primeira intervención xirará arredor do sexilio de Elisa e Marcela, da man de Ailén Kendelman, actriz, creadora e cofundadora da compañía teatral A Panadaría, que durante seis anos representou Elisa e Marcela en 280 funcións por toda a península.

A segunda intervención da tarde versará arredor da poesía do sexilio e da figura de Eduardo Blanco Amor, que iniciará Antón Lopo, xornalista, poeta e editor. No seu proxecto editorial Chan da Pólvora coordina a colección Rabo de Egua, a única especializada en poesía LGBTIQA+ do estado español na que están obras coma Seis poemas galegos de Federico García Lorca e Querido Eduardo, a recompilación das cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor entre 1931 e 1946. Tamén falará de Eduardo Blanco Amor e a disidencia sexual o músico, escritor e activista Éric Dopazo, autor da biografía de Blanco Amor para crianzas na colección Miudiños de Cumio Editora e creador da canción Eduardita. Presentará a mesa a xornalista e escritora Eva, autora do libro de entrevistas Memoria Diversa, da Deputación da Coruña, Premio Follas Novas á mellor obra de divulgación. As intervencións do venres rematarán coa proxección da creación audiovisual Eduardita, creación de Piratas sen Parche.

A xornada do sábado afondará sobre os sexilios a través do tempo e dos espazos, con tres intervencións que serán moderadas por Xandre Garrido, representante da asociación Avante LGBT+. A primeira vén da man do investigador e antropólogo catalán Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz, docente da Universitat de Barcelona e creador de, entre outras, as obras referentes en estudos LGBTIQA+: Bifobia. Etnografía de la bisexualidad en el activismo LGBT (Egales 2017) e Tu a Soria, yo a Barcelona (Egales 2023), o primeiro traballo de divulgación do estado sobre primer o sexilio, as dificultades da comunidade queer no mundo rural fronte das grandes cidades.

Elpidio Domínguez afondará sobre o concepto de sexilio desde a perspectiva da metronormatividade.

Pola súa banda, a investigadora posdoutoral (USC) Daniela Ferrández tratará o exilio de mulleres trans e lésbicas do primeiro terzo do século XX, personalizado no caso de Teresita. Daniela Ferrández é a autora do libro A defunción dos sexos, disidencias sexuais na Galiza contemporánea (Xerais 2021), obra galardoada co Premio Follas Novas á mellor obra de investigación.

A actualidade do sexilio será tratada polo refuxiado político ruso e activista LGBT Roman Efrenov, que nos achegará a situación actual do colectivo en Rusia e a súa experiencia persoal como refuxiado en Galiza.

Fefa Vila, socióloga e escritora, nacida en Laza e residente en Madrid, foi unha das principais responsábeis da creación do grupo lésbico LSD, un referente dentro dos colectivos LGBT do estado español nos anos 90. Deste grupo e da súa experiencia vital e de investigación no ámbito queer falará na súa intervención Inadaptacións: desvíos, extravíos, fugas e reencontros. Autobiografía dunha paxara, presentada pola música e poeta Lucía Aldao.

A xornada da tarde do sábado comezará co xornalista e escritor madrileño Bob Pop, autor do libro Mansos (Alfaguara, 2021) e da serie audiovisual Maricón perdido, Premio Ondas 2021 á mellor serie de comedia. As dúas creacións tratan, entre outros temas, do sexilio do rural cara ás cidades das persoas disidentes sexuais nos anos 70 e 80 do século pasado. Presenta a intervención Óscar Rodríguez da asociación ALAS A Coruña.

A última mesa do Congreso virá de parte do Ares Piñeiro, activista trans vasco, descendente de familia galega emigrada a Euskadi, sexólogo e secretario de Errespetuz, asociación vasca para a defensa e a integración das persoas transexuais. Ares Piñeiro falará da ausencia de relatos memorialísticos dos homes trans no estado español, así coma da súa propia vivencia persoal. Pola súa parte, o escritore e divulgadore Nee Barros falará da presenza (e ausencia) de relatos trans na literatura galega. Presentará a mesa Max Suárez, en representación da asociación Arelas.

A música tradicional revisitada con perspectiva queer será a encargada de poñer punto e final ao encontro, co concerto Loita amada de Marcelo Dobode e Víctor Movilla.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...