A Asociación Francisco Lorenzo Mariño (colectivo de dinamización cultural con sede en Aguiño e que rende homenaxe no seu nome ao que foi párroco da vila ribeirense dende a fundación da parroquia en 1959 ata o seu pasamento no 2004) presentou a súa axenda de actividades para celebrar este ano as Letras Galegas, o propio 17 de maio, venres, no marco do Maio Cultural da asociación. O programa, segundo informou a directiva da asociación, pon o foco na rapazada: haberá inchábeis con refrescos e bebidas gratuítas para os cativos a partir das 16:30 e ata as 19:30 h no parque da parte traseira do edificio do Conservatorio de Aguiño, ao que se suma unha xornada de debuxo infantil no propio local de 17 a 19 h, onde a cada neno e nena participante se lle fará entrega dun agasallo conmemorativo do Día das Letras dedicado este ano a Luis Villalta (até esgotar existencias) e unha rifa para un sorteo de varios lotes de libros en galego.

Josefa Suárez, Pilar Millet, Carmen Sampedro e Unai González; no centro co cartel a presidenta Elvira Pisos
Ademais, ás 19.30 horas está programado un espectáculo a cargo do Mago Paco (Hocus Pocus).
O programa está organizado pola asociación, que conta coa colaboración do Concello de Ribeira, a Deputación da Coruña e de varias empresas de Aguiño.
A axenda tamén inclúe unha xornada de portas abertas da nosa Biblioteca Popular Francisco Lorenzo Mariño para que calquera consulte un libro ou leve en préstamo o volume que desexe dos máis de 3.000 exemplares cos que conta o servizo.

Ademais, a entidade organizará na última semana de maio, con motivo do primeiro cabodano do falecemento de Manuel Ayaso, socio de honra da entidade e aguiñés das artes nomeado en 2009, a realización dun mural urbano na fachada do Local Parroquial de Aguiño; actividade organizada pola asociación, o CEIP Heroínas de Sálvora e a Parroquia de Nosa Señora do Carme de Aguiño. O mural será elaborado pola rapazada do club de lectura do colexio da man da profesora Sara Reiriz e foi ideado polo propio Ayaso e Unai González o ano pasado nunha visita ao colexio no que o artista local entregou como agasallo uns debuxos para o centro educativo e visitou as instalacións do atelier que levan o seu nome (o debuxo escollido representa a un polbeiro con guicheiro no Carreiro e mostra característicos elementos da pintura de Ayaso tales como crustáceos, paxaros ou elementos relixiosos).

Lembrar tamén que o pasado venres 10 de maio estiveron no local social da asociación usuarios dos obradoiros terapeuticos de AGADEA que se desenvolven na Aula do Maior de Aguiño. “Viñeron entregarnos unhas postais elaboradas por eles mesmos, con motivos do pobo como percebes, praias ou polbo e propiamente galegos como maios, hórreos, etc co fin de que llelos amosemos aos socios e socias, visitantes etc”, sinalou a directiva da Asociación Francisco Lorenzo Mariño na presentación do programa das Letras.




