
O alumnado do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Olveira visitou este 23 de abril a Biblioteca Municipal de Ribeira, onde están expostos os 279 traballos que participaron no III Concurso de Deseño de Marcapáxinas, co que se quixo celebrar dende o Concello e a Biblioteca a creatividade e a lectura no marco da celebración do Día do Libro (este martes 23 de abril).

A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e o responsábel da Biblioteca Municipal, Xoán Fernández Callón, fixeron entrega dun diploma e un lote de libros á gañadora Enara Romay. Ademais, farase entrega de 500 marcapáxinas impresos co debuxo gañador aos usuarios e usuarias da Biblioteca.
Doutra banda, o alumnado da actividade de reforzo educativo recolleu un libro de agasallo con motivo da celebración do Día e a Semana do Libro.




