Reforzase desde este luns os servizos de autobús e melloras nos horarios nas conexións con Santiago e Padrón

07 Abril 2024

A Xunta reforzará desde mañá, 8 de abril, os servizos de autobús no municipio de Teo con novas paradas, un servizo á primeira hora da mañá ata A Ramallosa e melloras nos horarios das conexións con Santiago e Padrón.

Con estes axustes, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende as peticións trasladadas polo Concello e a cidadanía de Teo, ampliando a cobertura do transporte público a máis localidades e adecuando con maior precisión os horarios dalgúns servizos.

Así, a liña A Agrela-A Ramallosa, que conecta a zona limítrofe de Teo e Padrón coa capital municipal, prolóngase para atender catro paradas máis. Tres destas paradas son novas e créanse en poboacións que non contaban con elas: nos lugares de Buela e Veitureira, en Teo, e no lugar de Bascuas, en Padrón. A outra parada, no Espiño, que será cabeceira da liña, xa se viña empregando noutras liñas de transporte público.

Ademais, nesta liña, que pasa a denominarse O Espiño-A Ramallosa, actívase un novo servizo máis cedo dos actuais, ás 07,15 horas, que funcionará baixo demanda de luns a venres laborables durante todo o ano e que permitirá chegar á capital municipal antes das 08,00 horas.

A ampliación da liña e a nova frecuencia melloran a mobilidade dos cidadáns ata a capital do concello e, ao tempo, permítelles acceder na Ramallosa á oferta de servizos de transporte público que conecta esta localidade con Santiago de Compostela e outros puntos do municipio de Teo.

Na conexión con Santiago, en tempada non lectiva adiántase ás 07,10 horas a saída do servizo A Silva-Santiago de primeira hora da mañá, para que a chegada sexa antes das 08,00 horas, facilitando a marxe de tempo aos usuarios para os seus horarios de traballo, tamén fóra dos períodos escolares.

En tempada lectiva, o servizo A Silva-Santiago das 15,15 horas adiántase ás 14,45 horas para adecuarse ás necesidades dos usuarios con horarios de tarde.

Nas conexións entre Teo e Padrón, en tempada non lectiva, os servizos da liña Xoane-Padrón adáptanse aos horarios solicitados polos cidadáns e terán horarios que xa se atopan vixentes nos períodos lectivos. Así, de luns a venres laborables, á primeira hora da mañá sairá en sentido Padrón-Xoane un servizo ás 07,15 horas e, a continuación, en sentido Xoane-Padrón sairá ás 07,40 horas.

Durante os períodos escolares, o servizo da tarde de Xoane a Padrón terá saída ás 16,00 horas de luns a venres laborables.

O conxunto das medidas aprobadas responden ao compromiso da Xunta de Galicia por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...