
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela foi a sede da VI Reunión de Coordinación da Rede Provincial de Coworking, que tivo lugar estes xoves 11 de abril no Coworking Dixital CCompostela. O evento contou coas intervencións de Rosa Ana García, deputada da Área de Emprego da Deputación da Coruña, e María Pais, presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, que ofreceron as súas reflexións finais e agradeceron a todos os participantes a súa contribución ao éxito no funcionamento destes espazos de traballo.
A xuntanza reuniu ademais aos representantes dos once espazos de traballo colaborativo de toda a provincia da Coruña (dirixidos a velar polo emprendemento ofrecendo instalacións e asesoramento axeitados, apoio e acceso a outros profesionais, empresas e mercados), que participaron nunha xornada de intercambio de coñecementos e experiencias, así como na discusión de temas relevantes para a comunidade emprendedora e empresarial.

O caso da Cámara compostelá
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela puxo en valor os datos do seu Coworking Dixital CCompostela, posto e marcha o ano pasado co obxectivo de fomentar proxectos dixitais de persoas emprendedoras e startups e impulsar a transformación dixital de pemes e micropemes da demarcación da Cámara de Comercio de Santiago. No exercicio 2023 asesorou de forma personalizada a 96 emprendedores, executou 50 accións formativas cun alcance de 580 asistentes e incubou 9 proxectos empresariais. Para todo isto contouse co apoio económico da Deputación da Coruña a través da Rede Provincial de Espazos de Traballo, da Fundación INCYDE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e de cara ao ano 2024 o proxecto contará ademais coa colaboración do Concello de Santiago que se une ao apoio aos proxectos empresariais e aos emprendedores que se xestionarán desde o coworking da Cámara compostelá.
Despois dunha visita guiada ás instalacións ao CCompostela, Rosa Ana García e María Pais pecharon a xornada destacando o labor do coworking e da Cámara.

A Rede Provincial
A Rede Provincial de Coworking aglutina distintos espazos de traballo localizados en municipios da provincia (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking). O obxectivo principal desta Rede é establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e persoas emprendedoras entre os distintos espazos que formen parte dela. A Rede está formada por novos viveiros de empresas, centros de negocios ou coworking creados baixo a demanda de Concellos ou ben por centros xa existentes nos que o Concello ou entidade sen ánimo de lucro solicita apoio para o seu funcionamento e dinamización.
Espazos de traballo que forman parte da rede na actualidade:
Coworking Pazo de Arenaza (Oleiros)
LAB-Barbanza (Boiro)
Daquí Darredor (Brión)
Espazo A Proa (Ames)
Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche)
Coworking A Capela (A Capela)
Centro de emprendemento A Estación (Vedra)
Green coworking (As Pontes)
Coworking A Pobra (A Pobra do Caramiñal)
Coworking Dixital CCompostela (Santiago de Compostela)
A Casa do Pescador (Miño)
Lab Barbanza: dende 2021
O programa de formación e aceleración Emprende-LAB Barbanza impulsado polo Concello de Boiro e a Deputación, contando tamén coa colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), comezou a súa andaina en 2021 dando acubillo a 18 emprendedores da comarca.
O centro boirense está situado no Polígono de Espiñeira, propiedade do Concello, e conta con 283 metros cadrados de superficie útil distribuídos en 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para reunións, xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns. O inmóbel dispón ademais de xardíns e zona de estacionamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación con LED de baixo consumo, conexión de telefonía e fibra óptica en todos os espazos e accesibilidade total para persoas con mobilidade reducida.
Entre as iniciativas emprendedoras seleccionadas na súa orixe atopábanse Fortem Hub, unha proposta formativa para persoas de colectivos vulnerábeis; Laflora, unha iniciativa para a produción musical e as iniciativas emprendedoras; Orenpay, que desenvolve unha aplicación móbil para o sector hostaleiro que permite ver a carta ou facer un pedido mediante códigos QR; E-commerce, de regalos personalizados, NadadeNada, un proxecto téxtil; Arándanos Barbanza, unha iniciativa de agricultura ecolóxica; Esteos, un proxecto de tecnolóxico baseado no Internet das Cousas para simplificar os procesos produtivos das empresas e minimizar custes; e GastroLab Arousa, unha escola de cociña cun espazo gastronómico orientado á formación e ás demostracións culinarias en directo. Tamén participaron Naturalmente, unha proposta de terapias alternativas para o coidado usando produtos naturais; e Fashion School, unha escola de corte e confeccións online.
O Coworking da Pobra
Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos destinados a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixidos a quen utilice o centro de xeito puntual.
En 2022 foi cando se formalizou a súa integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.
O espazo de traballo colaborativo Coworking Pobra constitúese como un espazo físico de titularidade pública municipal para a promoción do emprego e o autoemprego. Ofrece o uso temporal do espazo a persoas emprendedoras ou a pequenas empresas tratando de promover o desenvolvemento económico local a través do apoio e o fomento de iniciativas empresariais, co consecuente efecto positivo sobre a creación de emprego e riqueza do tecido produtivo.
Actualmente aínda hai prazas dispoñíbeis para que novos emprendedores se unan e poidan, de forma totalmente gratuíta, impulsar o seu proxecto. O espazo, innovador, moderno e funcional, foi deseñado por Studio Moai.