Non é a primeira ocasión na que a prensa estranxeira (especialmente a estadounidense, a británica e, en menor medida, a francesa e a chinesa) se fai eco das moi especiais características de Galicia como destino dunhas vacacións distintas, baseadas na paisaxe, a idiosincrasia do pobo galego e a súa cultura ancestral, sen esquecer a gastronomía e mesmo a nosa música e literatura.
A estes ingredientes compre engadir características indiscutibles que, neste caso concreto, quixera centrar no Xeoparque do Ortegal, unha realidade actual que comezou a xestarse en 2015 coa creaciòn dunha sociedade de amigos do Ortegal que dou paso, en 2020, a unha realidade nacida dun soño longamente acariñada e que, co carimbo da UNESCO, agora non pode ser menos.
O Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal forma parte dun proxecto de sustentabilidade que naceu no toxo dos montes e nos cavorcos dos mares nos que os mariñeiros desta zona “inventaron” a pesca do “pincho”. Unha terra, a da comarca do Ortegal, cuxos habitantes percuraban -e aínda percuran- un desenvolvemento sostible da economía local e a dos seus produtos e recursos.
Este xeoparque do Ortegal -o segundo creado en Galicia, após o Xeoparque das Montañas do Caurel- forma parte dunha rede global de territorios que destacan polo seu patrimonio xeolóxico, xestionado e vencellado coa cultura, a natureza, tecido socioeconómico e sustentabilidade, con dez lugares de relevancia arqueolóxica que van dende a ría de Ortigueira ao val do río Xubia, pasando polo río Mera e a Fraga dos Casás, a ría de Cedeira e os cantís da Serra da Capelada (Santo André de Teixido ao fondo), o litoral de Valdoviño, as canteiras de Toelo, as minas de cobre, a costa de Loiba e a Serra de Forgoselo.
Todo o sinalado, acollido ao abeiro de sete concellos cun total de 799 quilòmetros cadrados de superficie e uns 28.000 habitantes que ocupan, hoxe en día, 57 parroquias e 1.211 entidades de poboación que, pouco a pouco, están a perder veciños que sempre centraron a súa actividade na agricultura, unha miguiña na gandaría e, en maior medida, a pesca.
O futuro estaba fixado, creando dependencias nos núcleos de Ferrol, As Pontes e Narón que percuran unha diversificaciòn da actividade econòmica e o aproveitamento dos recursos alleos e da innovación, sen nunca perder o obxectivo da sustentabilidade .
O Xeoparque de Cabo Ortegal está definido polos límites dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, con 632 quilómetros cadrados de superficie terrestre e 167 da fronte marítimo-costeira. Na zona norte forman parte do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal (amplamente estudado pola ciencia especializada dende mediados do século XX). Esta zona norte é o resultado do proceso da ecoxenia varisca de fai 300 millóns de anos. No norte do territorio estàn catalogados 52 lugares de interese xeolóxico dos que, ao menos, 6 teñen relevancia internacional pola presencia de rochas e formacións únicas producidas polo lento proceso de nacemento e posterior desaparición da gran cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas do planeta que aínda continùan.
Na superficie desta área existen rochas que, a cotío, se atopan no Manto da Terra a máis de 70 quilómetros de profundidade.
No Ortegal, a ciencia ten un grande campo para investigar e aumentar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu o planeta Terra durante millóns de anos.
Agora, co proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal preténdese que o Instituto Xeolóxico sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos habitantes da zona e, ao mesmo tempo, se convirta nun referente divulgativo e turístico para o resto do mundo ben como especialistas na materia ou como amantes de vivir experiencias diferentes (cando non en ambos os sentidos).
Sendo a xeoloxía o punto de arranque, o obxectivo que se persigue é o de acadar un desenvolvemento sostible no territorio ao acubillo do Xeoparque de Cabo Ortegal. Ao seu abeiro, tamén o turismo que tanto nos gaban dende Europa e América pode avanzar ás alancadas sempre no marco desa sustentabilidade que se preconiza.
Será o incentivo turístico ao cabo de milleiros de anos que a comarca do Ortegal precisa?.
Oxalá.



