
O Partido Socialista de Rianxo fai un chamamento urxente ao Concello para que cumpra co seu compromiso electoral e proceda ao arranxo inmediato da estrada que dá acceso ao Colexio Brea Segade, a cal se atopa nun estado de deterioro preocupante, tal e como amosamos nas fotos.
O grupo de Goberno manifesta no seu programa electoral a seguinte medida de Goberno: “Medida 30. Poremos en funcionamento un Plan Municipal de Vieiros coa finalidade de organizar e estruturar as actuacións sobre os diferentes camiños e pistas, superando a tradicional e ineficaz política de rebacheo e de asfaltados electoralistas. Apostaremos por aplicar criterios obxectivos que veñan a regular e organizar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes con fondos propios”
Oscar Rial, voceiro do PSdG de Rianxo explica que “despois de casi un ano de Goberno, o grupo do PSdG de Rianxo, reclámalle a Julián Bustelo, que elabore ese plan de mantemento, xa que as actuación que se veñen facendo son totalmente arbitrarias e carentes de criterio, estando moitos puntos do Concello desatendidos e en mal estado, implicando en moitos casos problemas de seguridade, sobre todo no referente á parroquia de Rianxo, donde o malestar veciñal e grande pola deixadez nas actuación”
A situación actual da estrada representa un grave risco para a seguridade viaria dos estudantes, pais e persoal docente que transitan diariamente por esta vía. O mal estado do pavimento xerou numerosos buratos e irregularidades, o que dificulta a circulación e aumenta o perigo de accidentes.
O PSDG lembra ao Concello que durante a campaña electoral comprometeuse a destinar fondos propios para o mantemento de infraestruturas viarias, como é o caso da estrada de acceso ao Colexio Brea Segade. É imprescindible que estas promesas se traduzan en accións concretas que melloren as condicións de seguridade dos nosos cidadáns.
O Colexio Brea Segade desempeña un papel fundamental na comunidade educativa de Rianxo, e garantir un acceso seguro ás súas instalacións é unha prioridade indiscutible. Por iso, instamos ao Concello a cumprir co seu deber e destinar os recursos necesarios para levar a cabo as obras de reparación pertinentes, evitando así o deterioro continuado da estrada e garantindo a seguridade de todos os usuarios.



