O primeiro exame para a cobertura de 127 prazas de auxiliar de Policía Local en 32 concellos será o 27 deste mes, entre eles Boiro, A Pobra e Noia

10 Abril 2024

O primeiro exame para a cobertura de 127 prazas de auxiliar de Policía Local en 32 concellos será o 27 deste mes ás 10,00 horas no recinto feiral de Silleda. Así o acordou o tribunal encargado de avaliar o proceso selectivo na súa sesión constituínte celebrada hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia (Agasp). Co obxectivo de garantir a contratación do novo persoal para a tempada de verán, a Xunta acurtará á metade os prazos do proceso mediante a declaración de urxencia.

Un total de 659 persoas presentaron a solicitude de inscrición, das que foron admitidas 629. As 30 restantes e as inscritas que non figuren nas listaxes provisionais publicadas na páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal/) dispoñen de cinco días hábiles a partir de hoxe para presentar emendas. O prazo remata polo tanto o martes 16 de abril.

O proceso consta de tres probas que comezan coa de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 50 preguntas tipo test e, no caso de non estar exentos, da de avaliación de coñecemento de lingua galega. A terceira proba é de aptitude física con exercicios de potencia de tren inferior con salto e vertical e de resistencia cunha carreira de 1.000 metros lisos.

As persoas aspirantes que aproben e as incluídas na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Agasp como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local.

Os 32 concellos que convocan as 127 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Cambados, Cangas, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, O Grove, O Rosal, Poio, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arteixo, Bergondo, Boiro, Camariñas, Carballo, Cedeira, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño, Noia e Ponteceso, na provincia da Coruña; así como os concellos ourensáns de Barbadás e O Barco de Valdeorras e Mondoñedo, en Lugo.

Acordo cos concellos para a selección

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, a través dun convenio de colaboración. Na actualidade, 92 concellos teñen acordos vixentes para delegar no Goberno galego, a través da Agasp, a selección e formación dos membros do seu cadro de persoal de policía local mediante as convocatorias de procesos selectivos. Supón máis do 72 % dos 127 municipios con corpo de policía local.

As oposicións convocadas no período 2018-2023 permitiron cubrir máis de 1.400 prazas en distintos municipios: 726 de auxiliares de policía local, 607 da categoría de policía, 57 de oficial, 15 de inspector, 2 de inspector principal, e 2 de vixiantes.

A Agasp é o centro de referencia na formación das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Actualmente coinciden na Academia, máis dun cento de alumnos que integran a 16ª promoción de Policía Local que realizarán a súa formación ata outubro e outros 16 aspirantes a prazas de procesos de oficial, inspector, inspector principal e vixiante municipal, que rematan os cursos este mes. As persoas aspirantes que superen a oposición de auxiliar de Policía Local tamén realizarán a súa formación na academia.

A academia encárgase da  formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

Outros artigos

Domingo regresa o sol e empeza a subir a temperatura

Na xornada do domingo seguiremos con aire frío en altura xerando inestabilidade atmosférica. Unha situación que favorecerá a formación de chuvascos, localmente treboentos, máis probables e frecuentes no interior e nas horas centrais do día. As temperaturas mínimas...

+

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...