
Os populares de Ribeira, a través da voceira María J. Sampedro Fernández, presentaron ao pleno da Corporación Municipal de Ribeira unha proposición para, nas súas palabras, incrementar a actividade, a eficiencia e a eficacia do goberno do actual tripartito. Segundo se fai saber na proposta a xeito de balance, “transcorridos nove meses dende a entrada no executivo do tripartito municipal cremos que se constatou que as agrupacións que integran o Executivo non estaban preparadas para levar un Concello da envergadura e importancia de Ribeira como cabeceira de comarca que é”.
Na comunicación indícase tamén que este “goberno conta con algunhas vantaxes con respecto ao anterior que deberan darlle unha capacidade de xestión máis eficiente; a saber, a primeira é que conta cunha maioría absoluta (aparentemente) que, entre outras cousas, permitiulles aprobar uns orzamentos municipais dos que carecía o anterior Executivo e a segunda é que contan con sete persoas con dedicación única e exclusiva ao Concello, duplicando as do PP, o cal, aínda que a costa do erario público, outórgalles unha posibilidade de atención e xestión moi superior á do anterior goberno”.
Malia todo o devandito, sinala Sampedro, “nestes meses transcorridos acrecentáronse o que antes denominaban parálise dun goberno sen ideas”, e así, “obras que se lles deixaron adxudicadas e practicamente rematadas seguen paradas, como o Centro Social de Carreira, que a pesar das múltiples complicacións ocasionadas ao anterior executivo estaba no mes de xuño rematada ao 90 e pico por cen, ou a Parada Central de autobuses, que agora converteuse nunha escombreira no centro do pobo e segue privando de uso os aparcamentos que podía estar dispoñíbeis na parte interior da calzada, por citar os exemplos cos que semana tras semana se atizaba ao goberno e que en redes sociais que administran vostedes, sen evidentes críticas á xestión actual, eran unha preocupación que misteriosamente desapareceu xa que non volvemos a escoitar nada destes temas nos últimos meses”.
Os populares tamén son críticos coa situación do proxecto de nova biblioteca, “á que non son capaces de darlle comezo cando a obra leva 10 meses aprobada e lista para entrar a traballar”. Seguindo o fío do proxecto de biblioteca, no comunicado engádese que “pleno tras pleno pedimos explicacións da parálise desta obra e a única información que fomos quen de atopar foi unha aperta de expediente sancionador á empresa 10 meses despois”. E sinalan: “Fanse continuos anuncios de obras de inminente comezo e pasan meses e meses e seguimos á espera, como cando a principios de ano anunciaban a grada da Fieiteira, da que debían saber que un prefabricado tarda meses en entregarse pero preferiron dar a nova e deixar aos afeccionados ao fútbol á intemperie nos meses de inverno, mesmo en detrimento dos clubs locais que vían coma os fins de semana de mal tempo minguaba a entrada no campo”.
O PP estende estas críticas ao ámbito deportivo: “Do Cento de Deportes Náuticos só sabemos que, sen empezar aínda a día de hoxe, o foso de remo será artesanal, o que veremos se chegado o momento poderá satisfacer as necesidades do Club de Remo, que como sabemos é o principal activo polo que se considerou realizar ese proxecto”.
No seu balance de goberno, o PP di que “o rexedor segue a eludir as responsabilidades, botando directamente a culpa de todos os seus males ao anterior executivo sen ter en conta que a responsabilidade de goberno é directamente do que ostenta dita obriga”. E engádese: “A planificación garante o futuro dos territorios e a este goberno deixóuselles planificado, a través da axenda 2030, o plan de sostibilidade turística, o plan de baixas emisións e comercio, o plan integral de rehabilitación de edificios públicos, o plan de mobilidade e accesibilidade, por poñer algúns exemplos do camiño que tan so consistiría en continuar. Pasado este tempo as poucas obras que se ven son as que deixamos para comezar ou continuar o goberno do PP: o novo concello, o conservatorio, a pista cuberta de atletismo e módulo de deportes de combate, o paseo do río Grande…”.
No balance engádese que “os 27 millóns de fondos que o goberno anterior deixou teñen data de cumprimento ou caducidade e moito nos tememos que gran parte dos mesmos acaben devolvéndose ante a inactividade do seu desenvolvemento; as obras financiadas polo IGVS, o derribo de casa e praza en Romero Ortiz ou a curva da Muiñeira, levan paradas todo este tempo polo que tampouco sería de estrañar que se nos obrigue á devolución dos fondos”.
E conclúen: “Hoxe Ribeira ten un goberno máis numeroso e máis caro pero ineficiente, con menos ideas, o que significa que hoxe Ribeira ten menos futuro. Agardamos que o tempo transcorrido faga recapacitar a quen ostentan a responsabilidade de gobernar de que o esforzo, a constancia e a humildade son pezas fundamentais para o avance e o progreso”.
E por todo o exposto anteriormente o grupo popular solicita os seguintes puntos:
1 “A posta en marcha das infraestruturas que levan meses paradas se aparente motivo”.
2 “A presentación dos informes técnicos e xurídicos sobre as razóns que motivan os atrasos e se existen responsabilidades contractuais así como copia dos requirimentos do concello ás empresas contratistas”.
3- “A presentación dunha cronoloxía sobre a posta en marcha de todos os fondos comprometidos con outras administracións que se presentará ante a xunta de voceiros”.



