
O delegado del Goberno en Galicia, Pedro Blanco, acompañado de membros do equipo de Goberno local, entre os que se atopaba o alcalde José Carlos Vidal, a concelleira de Obras, Patricia Lojo e o edil de Facenda, Eloy Sobrido, supervisou este luns 29 de abril os traballos de recuperación ambiental da costa da Ribeiriña, “uns terreos que durante anos foron ocupados para a actividade industrial e que agora devolvemos ao seu estado orixinal para que poidan desfrutar deles os veciños e veciñas da Pobra e as persoas que nos visiten”, sinalou.
O delegado, que lembrou que a actuación foi executada pola Demarcación de Costas, acudiu á súa visita institucional á Pobra acompañado da subdelegada do Goberno, María Rivas, e do xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil.
Blanco e Rivas informaron que o Goberno investiu 800.000 euros nesta actuación, financiados cos fondos do Plan de Recuperación, unha cantidade que, sumada aos máis de 400.000 euros doutra actuación nas inmediacións da praia dos Areos, eleva a 1,2 millóns de euros os investimentos para a posta en valor do litoral pobrense.

Durante a visita, o delegado, que asinou no libro de honra do Concello, tivo ocasión de coñecer de boca do seu alcalde as necesidades da Pobra do Caramiñal e comprometeuse a poñer á súa disposición todos os mecanismos e ferramentas que os distintos ministerios teñen a man.
Pedro Blanco e José Carlos Vidal repasaron as achegas do Goberno no concello, que ascenden a máis de 3 millóns de euros e que se concretan en actuacións como as xa mencionadas de recuperación do litoral, a extensión de banda larga ou na mellora das instalacións do instituto local (1,3 millóns financiados a través do PIREP), entre outros proxectos. A estes hai que sumar outros plans a nivel comarcal, que elevan por enriba dos 5,5 millóns os investimentos, como son o Plan de Sustentabilidade Turística Barbanza-Arousa e as axudas á mancomunidade comarcal. “Seguiremos traballando para que A Pobra estea onde lle corresponda: ser un dos concellos máis importantes desta comarca como destino turístico”, sinalou Blanco.
Orixe e obxectivos do proxecto da Ribeiriña
A valorización da fachada marítima da Ribeiriña e a recuperación dun espazo natural para desfrute da veciñanza. Con esta idea, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico iniciou na primavera do pasado ano unha intervención nos terreos de dominio público marítimo-terrestre cuxa concesión se lles outorgara, na época correspondente, ás fábricas La Onza de Oro e HADASA.
O resultado son aproximadamente 5.500 metros cadrados integrados na paisaxe coa supresión daqueles elementos con impacto visual negativo: demolición da explanada, coieiras e ramplas. Optouse, ademais, por outorgarlle valor engadido cunha senda litoral para percorrer esta contorna natural.
Para iso, investíronse 800.000 euros procedentes dos fondos do Plan de recuperación, Transformación e Resiliencia.

O alcalde salienta as posibilidades da superficie recuperada
O rexedor indicou que esta acción, ademais de crear unha zona de lecer para a cidadanía, tamén posibilitou a recuperación de parte da praia que permanecera oculta ata o de agora polo recheo que se fixera no seu día para a actividade das factorías. “Contamos agora cunha ampla superficie para pasear a carón do mar e agardamos que nun futuro se poida incrementar”, apuntou. Con relación a isto, referiuse a que a Administración local opta polo derribo da estrutura de HADASA, polo que se continúa traballando ao respecto, se ben “é complexo debido ás circunstancias desta propiedade privada”, sinalou, engadindo que á actuación executada polo Goberno central, súmanse outras promovidas polo Concello para a revitalización da Ribeiriña como, por exemplo, o acondicionamento da contorna do centro sociocultural, por un importe de 47.314 euros, pero tamén dotando ao rural de iniciativas como o xardín veciñal ou clases de distinta natureza. “Pequenas accións que, xuntas, buscan un gran cambio”, remarcou.
Deseguido, desprazáronse ao consistorio, onde o delegado do Goberno tivo ocasión de asinar no libro de honra do Concello e recibiu unha dorna de cerámica como obsequio institucional. Mantívose, así mesmo, unha reunión de traballo centrada no patrimonio local.



