O Concello de Boiro promove un curso de monitorado de tempo libre co obxectivo de fomentar a inserción laboral especialmente na mocidade. A formación vaise levar a cabo entre o 19 de agosto e o 29 de setembro de 2024 e as inscricións para participar están xa abertas.
O curso ten unha duración de 200 horas, organizadas en 20 xornadas de 10 horas cada unha e está dividido en dúas fases, consistentes nunha formación teórica e nunha fase de prácticas. Para participar é necesario ter 18 anos e contar coa formación mínima obrigatoria.
A fase de prácticas poderase desenvolver en actividades ao aire libre como campamentos ou cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. As prácticas deberán responder a un proxecto de tempo libre educativo e realizado nas dúas fases de organización, execución e avaliación.
O programa do curso contempla áreas de traballo como son técnicas de acampada; educación ambiental, en valores, igualdade ou para a saúde; expresión artística; animación á lectura; socorrismo e primeiros auxilios; fundamentos pedagóxicos, socioloxía ou psicoloxía aplicada á educación no tempo libre; así como dinámica de gripos, contextos de intervención no tempo libre ou diversidade e inclusión.
Para desenvolver a actividade é necesario lograr un grupo mínimo de 20 persoas e as inscricións poden facerse xa de xeito presencial na Casa da Cultura de Boiro ou o teléfono 981 84 84 25.



