Letras, música tradicional e flores para García Martí na Pobra

06 Abril 2024

A Pobra do Caramiñal vive unha fin de semana cultural coa homenaxe a un dos seus referentes literarios: Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade. A quinta edición do ciclo dedicado ao escritor e xornalista comezou neste venres 5 coa ofrenda cívica na praza que leva o seu nome. Previamente a música tradicional estivo soando polos espazos da vila ao ritmo de Os Caraveiros,
grupo que se encargou de toca-lo himno galego no momento no que o alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, colocaron o arranxo floral fronte ao busto antes da quenda das intervencións.

Na liña de reivindica-lo lugar que merece no panorama cultural centrouse a edil. Lojo destacou a importancia de manter vivo o seu legado con iniciativas da natureza deste ciclo. Quixo tamén salientar que o Museo Valle-Inclán custodia o fondo documental, bibliográfico e fotográfico cedido pola familia, representada durante o acto na figura de Santiago Bermejo, quen manifestou o orgullo que supoñen estas xornadas.

Pola súa parte, o rexedor afirmou que García Martí “é un dos mellores ensaístas de toda Galicia” e que existe unha débeda contraída con este escritor, polo que este ciclo se erixe como unha maneira de saldala.

Neste senso, reiterou a determinación do Concello da Pobra do Caramiñal de traballar arreo a este respecto e contribuír a proxecta-lo intelectual máis alá do ámbito local.

Deseguido, a atención desprazouse ao interior da casa do concello para a inauguración da mostra Memorias admirables do El Duque de Él, con explicación a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.

A dita exposición componse de seis paneis con imaxes de García Martí e extractos de cartas doutros persoeiros galegos (Antonio Villar Ponte, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón del Valle-Inclán, Ramón Otero Pedrayo e Eduardo Blanco Amor) que reflicten os lazos de amizade, ademais dunha reflexión do propio Victoriano García Martí sobre a dignidade humana.

A programación remata no sábado 6 coa lectura de textos do autor sobre A Pobra do Caramiñal, ás 19.00 horas, e a presentación da novela ¡Una más!… (1932), edición facsimilar, con Xesús Laíño Briones-Arén. Ámbalas citas terán lugar no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.