O vindeiro 20 de abril celebrarase en Rianxo, na Sala Arcos Moldes do Auditorio, a gala final e a entrega de galardóns do Certame de Curtas Alberto Romero, VIII edición. Será a partir das 19.00 horas. Podemos consultar todos os datos sobre a cita na web albertoromero.org.

O certame vén da man, novamente, da Asociación Cultural Alberto Romero, que leva o nome do escritor, divulgador, comunicador e dinamizador cultural palmeirán. O festival de curtametraxes pechou o prazo de inscrición da súa oitava convocatoria o pasado 28 de febreiro.
Achegáronse categorías de Primaria e Secundaria para centros educativos da Mancomunidade Barbanza Arousa, categoría de Diversidade Funcional aberta a toda Galicia e categoría Libre aberta a toda Galicia ou obras en galego no exterior. Tamén unha categoría específica de creadoras e creadores do ámbito de Barbanza Arousa.
O certame conta coa colaboración da Mancomunidade Barbanza Arousa, ANPAs Barbanza Arousa, a Deputación da Coruña, os Concellos da vertente sur do Barbanza (Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira), a Obra Social Fundación La Caixa e as empresas da nosa comarca Chicolino e CONGALSA.
As curtas premiadas da sétima edición foron:
-PRIMARIA: “A RAPAZA DE PLÁSTICO” de Gargallada Teatro do Salustiano Rey Eiras de A POBRA DO CARAMIÑAL
-SECUNDARIA: “COMA” de Lucía Sánchez Varela e Alejandra Santiago Rodríguez do IES Espiñeira de BOIRO
-DIVERSIDADE: “A SEREA MARIÑA” da ASOCIACIÓN AMBAR de RIBEIRA
-BARBANZA AROUSA: “ENCONTROS NO CAMIÑO” de Bandamueca Teatro de A POBRA DO CARAMIÑAL e RIBEIRA
-CATEGORÍA LIBRE: “A ENTREVISTA” de Fernando Tato e Susana Sampedro (FERROL E RIBEIRA) – Kraken Films
As orixes
O certame audiovisual de curtas Alberto Romero naceu como unha iniciativa da ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira no ano 2016, como homenaxe o traballo e dedicación social de Alberto Romero (1961-2015). A esta iniciativa sumáronse inmediatamente as asociacións de nais e pais de San Roque do IES Leliadoura e ANPA do CEIPP de Palmeira, así como a A.C. Lajareu por Barlovento, asociacións das que Alberto formou parte, entre outras.
Co apoio do Concello de Ribeira levouse a cabo a primeira edición en 2017 deste certame na que participaron 19 traballos procedentes dos centros educativos do Concello de Ribeira.



