Este xoves día 11 de abril, a partir das 19:30 h, a coordinadora CEMMA participa nunha xornada para dar a coñecer os materiais didácticos sobre as candorcas para formadores (ensinantes e educadores ambientais), no Espazo Río Lagares, R/Falperra 16, Vigo. Os materiais encádranse no proxecto Friendship orcas (Amicas candorcas). A cita contará coa presenza de Pepe Carreiro, Sara Bermúdez e Víctor Tizón e Tokio.

A candorca
Segundo explica a coordinadora CEMMA, a candorca (Orcinus orca) é unha especie de depredador mariño apical e cosmopolita. A subpoboación que habita na Península Ibérica está relacionada coas que habitan as augas de Canarias, e ambas están illadas xeneticamente das poboacións que habitan as augas de Noruega e Islandia. Durante a primavera e o verán, esta subpoboación ibérica aliméntase principalmente de atún vermello (Thunnus thynnus) no estreito de Gibraltar.
Estamos a falar dun pequeno núcleo poboacional, formado por menos de 50 exemplares adultos, agrupados en 5 núcleos familiares, que presentan diversas ameazas para a súa conservación, como a interacción coa pesca, a escaseza de recursos alimentarios e unha reducida taxa de natalidade e supervivencia.
Desde 2020, as candorcas ibéricas están implicadas nun novo comportamento, totalmente descoñecido para a comunidade científica, e do que non hai constancia en ningún outro lugar do planeta. Trátase das interaccións con barcos veleiros, que implican en ocasións contacto físico e nalgúns casos producíronse importantes danos, polo que os barcos quedaron sen control e tiveron que pedir rescate para ser remolcados a porto. Neste tempo xa faleceron dous exemplares, aínda por causas descoñecidas, pero isto non ocorrera con tanta frecuencia en anos anteriores. Ata finais de 2023 rexistráronse 1034 encontros: 676 interaccións e 358 avistamentos, o que preocupa tanto aos mariñeiros como á comunidade científica.

A CEMMA engade que “o tratamento dalgúns medios, e a transmisión de información inexacta, xerou certa alarma social entre os usuarios do mar (deportes náuticos, pescadores…) e entre a sociedade en xeral, chegando a repercutir moi negativamente tanto na percepción da especie como na proxección social cara á súa conservación; é por iso que baixo o principio de que só se conserva o que se ama e só se ama o que se coñece, tratamos de aportar información para contribuír a conservación da especie”.
Estas candorcas que interactua cos barcos foron denominadas coloquialmente “gladis”, que provén do termo “gladiadores”, en homenaxe ao nome científico que o naturalista francés Pierre Joseph Bonnaterre (1752 – 1804) deu á especie en 1789: Orca gladiador, dentro da súa proposta para a clasificación sistemática dos cetáceos.
Rede cidadá para a protección e conservación dunha poboación ameazada e singular: as candorcas ibéricas.
O obxectivo deste proxecto é o de crear ferramentas de divulgación e educación ambiental que promovan a información sobre a especie, a permeabilización social do seu interese ambiental e en definitiva contribúa a súa conservación. O proxecto está financiado pola Fundación Santander a través da súa convocatoria de accións ambientais.
Ademais de materiais útiles para redes sociais e páxina web, vídeos, textos e imaxes, o proxecto contou co deseño de materiais divulgativos de ampla difusión e uso nos obradoiros que serán levados a cabo para as diferentes idades do público de Hondarribia a Gibraltar.
Conta con materiais ilustrados polos debuxantes: Pepe Carreiro, cos Os Bolechas, Manel Cráneo coa personaxe da detective ambiental Carmela Orzán ou a revista de naturalistas Salseiro deseñada por Tokio, na que se inclúen ilustracións da ilustradora dixital Sara Bermúdez, o debuxante Victor Tizón, acuarelas de Cristina Otero e a ilustradora e debuxante de BD Enma Ríos.
Presentación no Espazo Río Lagares
O vindeiro xoves día 11 de abril terá lugar a presentación dos materiais para formadores (ensinantes e educadores ambientais) no Espazo Río Lagares, R/Falperra 16, a partir das 19:30 h. No acto estarán presentes os ilustradores: Sara Bermúdez, Victor Tizón, Pepe Carreiro e Tokio.
Amosarán o proceso creativo levado a cabo para o deseño dos materiais e realizarán algunha demostración en vivo. As persoas asistentes poderán recoller exemplares do traballo editado.



