
O Concello de Ribeira vén de asinar un convenio coa dirección da Lonxa de Ribeira para a utilización das instalacións con vistas a desenvolver tres formacións relacionadas co sector das industrias alimentarias e una charla sobre emprendemento en cooperativa da man de EspazoCoop.
O Programa Integrado de Emprego promovido polo Concello de Ribeira está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
O PIE local ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e as posibilidades de inserción das persoas demandantes de emprego, por medio de accións complementarias de orientación, formación e intermediación laboral.
A concelleira de Emprego, Veva Betanzos e o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, inauguraron este martes 2 de abril o primeiro curso, unha actividade centrada na condución de carretillas elevadoras que terá unha duración de 30 horas. Ademais desta formación, o Programa de Emprego tamén ten prevista outra formación en limpeza industrial, cunha duración de 70 horas e unha formación básica para limpezas xerais, cunha duración de 30 horas, que se desenvolverán ao longo deste mes de abril na Lonxa de Ribeira.


