
Non son, non, tempos bos para a xente da pesca e o marisqueo. Este, baixo mínimos; e a pesca con, na práctica, só expectativas que non se cumpren nin sacando os santos en rogativas.
Con este panorama tan pouco gratificante, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores vai reunirse este xoves ás 13,00 horas co conselleiro do Mar, para abordaren a catastrófica situación do marisqueo nesta Comunidade Autónoma e, ás 18,00 horas, na sede da Federación, con obxecto de avaliar o resultado dese contacto co máximo responsable da Consellería.
De xeito especial preocupa a situación na comarca do Barbanza, onde o peche de bancos marisqueiros pola mortaldade ocasionada polos temporais de choiva e os vertidos contaminantes rexistrados na ría de Muros-Noia, están a crear un pouso de intranquilidade evidente para un sector que, nin moito menos, coida que se poda recuperar das notables perdas económicas rexistradas durante o primeiro trimestre de 2024 e que se estiman nunha redución de capturas de, como mínimo, o 30%.
Co marisqueo, polo tanto, reducido, non está mellor a pesca de baixura, afectada asimesmo polo mal tempo que obriga ao amarre da frota.
A todo isto compre engadir o traslado a augas de Euskadi dunha parte nada desprezable dos barcos con base en portos barbanzáns, nomeadamente de Ribeira e Portosín, que venden en portos vascos as capturas que por aló poden realizar, o que reduce asimesmo a actividade das lonxas de peixe desta comarca.
E, a maiores, o 3 de maio entra en vigor a veda do polbo que, de xeito tamén notable, incide nos intereses económicos da rede de lonxas da mesma comarca e, significativamente, na de Ribeira, que figura como a que máis factura de Galicia polas subhastas deste cefalópodo.
Da reunión o xoves co conselleiro do Mar, os pósitos galegos agardan senón soluciñins definitivas, si a aplicación de medidas que temperen os desastrosos efectos causados nas economías de armadores e tripulantes dos pesqueiros e dos mariscadores a pé cuxa actividade é no que vai deste ano, meramente contemplativa por mor de non a poder exercer, amarrada a porto como está por unha ou outra causa.
Non pode dicirse, arestora, que 2024 sexa un bo ano para o sector pesqueiro-marisqueiro. Moito terían que trocar as cousas para recuperar no que resta de ano canto se leva perdido nos primeiros catro meses do mesmo.



