As axudas da Deputación ás confrarías e agrupacións marisqueiras poden solicitarse ata o 19 de abril

02 Abril 2024

A Deputación da Coruña mantén aberto o prazo para que as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia soliciten as axudas provinciais destinadas ao financiamento das súas actividades. Estas entidades poderán formalizar as súas peticións ata as 14.00 horas do vindeiro 19 de abril.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, mantivo hoxe sendas reunións cos patróns maiores da Pobra e Rianxo durante as que, entre outros asuntos de interese para o sector, se analizou a convocatoria de subvencións. Capelán lembrou este ano se abriu un segundo eixo das mesmas, destinado ao fomento pesqueiro, co que o orzamento total se incrementa ata os 650.000 euros.

Así, unha primeira liña, dotada con 500.000 euros, destínase á mellora das actividades propias das entidades, mediante accións como o aluguer de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal de vixilancia ou a adquisición de sementes de moluscos.

En canto á segunda, refírese a subvencións para a celebración de exaltacións do produto pesqueiro. Tal como explicou a deputada, esa novidade respecto ás convocatorias de anos anteriores é froito de diversas suxestións recollidas de contactos coas entidades. Con ela preténdese reforzar o impacto de festas que constitúen un gran escaparate para a promoción de peixes e mariscos.

En ambos eixos das subvencións, as actividades obxecto das axudas deben realizarse dentro deste ano. As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/07/2024_0000001564.pdf

O extracto da resolución que marca os prazos de solicitude atópase en https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/18/2024_0000001740.pdf

A Deputación da Coruña creou neste mandato unha área de goberno específica para as actividades relacionadas co mar. O obxectivo, recordou Capelán, é prestar especial atención a uns sectores que enfrontan un momento moi complexo e necesitan do apoio de todas as administracións.

A deputada provincial está a visitar os pósitos da provincia para ter información de primeira man acerca da situación e as problemáticas que lles afectan. Á xuntanza desta mañá na Pobra, que se celebrou na Casa do Concello, asistiron, ademais da deputada de Mar e o patrón maior, Enrique Maceiras, o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo.

Despois, en Rianxo, visitou a Casa do Concello e a sede da confraría e reuniuse co patrón maior, Miguel Ángel Iglesias; o alcalde, Julián Bustelo; a concelleira de Mar, Olalla Figueira; o voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Óscar Rial, e o edil do grupo do PP Ramón Vicente.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

Estos últimos días las visitas al hospital fueron frecuentes para acompañara un buen amigo que se encuentra viviendo unos difíciles momentos por sudelicado estado de salud. Esta circunstancia me abrió un poco más los ojos ala realidad del sufrimiento, el dolor, el...