A ABE e o Concello de Boiro organizan a 10 edición do evento Fálame Sempre (o 18 de abril)

08 Abril 2024

A patronal boirense (ABE), coa colaboración do Concello de Boiro, organiza este mes de abril unha edición especial e conmemorativa dun dos eventos “máis agardados na programación anual da asociación”. Estamos a falar de Fálame Sempre, a palestra de experiencias innovadoras con empresas creativas que celebra con formato de encontro pecha kucha o vindeiro 18 de abril ás 20.30 horas no salón de actos da ABE. O evento incluirá novamente charlas miúdas, directas e concisas de 6 minutos de duración (formato da metodoloxía pecha kucha, que tamén inclúe a presentación de 20 imaxes proxectadas cada 20 segundos). Presentaranse 5 iniciativas. Os seus responsábeis explicarán ao público cal é a fórmula para servir de inspiración a empresarios, emprendedores e demais asistentes ao evento.

Na edición deste ano acompañarán a ABE as seguintes contribucións innovadoras:

Revenidas Vilaxoán

O Festival Revenidas naceu a partir dunha festa popular que se celebraba na vila mariñeira de Vilaxoán, na que os veciños compartían e degustaban un dos froitos máis cobizados do seu traballo: as sardiñas asadas, que neste lugar chámanse, precisamente, revenidas. De aí toma o nome o festival.

Quinteiro Doce

Produtos artesáns con cultura e arte do país para papar ti ou para agasallar a quen ben queres e distribuídos a través do comercio local galego.

Triángulo de Amor Bizarro

O grupo con base en Barbanza toma o seu nome da canción Bizarre Love Triangle do grupo británico New Order. En 2007 fichan polo selo Mushroom Pillow e gravan o seu primeiro disco, Triángulo de Amor Bizarro. Na actualidade contan con 7 LP e numerosos singles es son unha das bandas de referencia no panorama indie nacional.

Charlatana

Charlatana é un novo espazo galego de creación, produción e distribución propia que integra diversas disciplinas artísticas: circo, música, teatro infantil e contos. Charlatana nace para crear un espazo de cooperación no que conflúan diversas propostas artísticas onde o obxectivo común é “divertir e educar”. A través do humor, o espírito crítico, e o debate en escena, Charlatana xera espectáculos que integran valores como a igualdade, a cooperación, a reciclaxe e a cultura e lingua galegas. Tres compañías configuran este proxecto: Tropa de Trapo, Peter Punk Pallaso e Blues do País.

Antón Riveiro Coello

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia,2020).

Edición especial 10º aniversario

Con motivo do 10º aniversario do evento proxectarase un vídeo retrospectivo e presentarase unha publicación conmemorativa na que se recopila a información de todos os convidados. Ademais o público que asista ao acto recibirá unha bolsa coa publicación e diverso merchandising conmemorativo do evento. A ABE lembra que a entrada é libre e gratuíta pero que é preciso reservar asento xa que o aforo limitase a 80 butacas do salón de actos da ABE onde ao remate servirase un pincho.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Que non veña un inverno duro!”. Antón Luaces

“Que non veña un inverno duro!”. Antón Luaces

Van aló máis de quince anos desque a Xunta, a través da consellería do Mar (antes, de Pesca) contempla o pasar do tempo mentras os mariscadores sachan, sementan e fan cálculos sobre as perdas económicas que supoñen os vertidos dos encoros e a carencia dunha política...

“Que non veña un inverno duro!”. Antón Luaces

“A Sanidade non se vende, a sanidade deféndese”. Antón Luaces

Pública e responsable. Así debe ser a Sanidade en España. Para esto, o Goberno derogará a lei aprobada por José María Aznar (a Lei 15/1997) que permitía o que, hoxe en día, está a acontecer: a privatización dun servizo público e universal que tanto custou e custa á...