
O helicóptero de Salvamento Marítimo Helimer 407, con base no aeroporto coruñés de Alvedro, foi mobilizado a pasada fin de semana polo Centro de Coordinación de Salvamento Fisterra para proceder á evacuación dun tripulante dun buque-guindastre que navegaba a máis de 300 millas da costa galega con rumbo norte. Cumprida a misión de evacuación, o mariñeiro foi trasladado pola aeronave de Salvamento Marítimo á súa base, onde agardaba unha ambulancia do 061, que o desprazou a un centro hospitalario da Coruña, no que permanece ingresado.
Esta intervención podería considerarse unha máis das moitas realizadas por Salvamento Marítimo, coordinadas polo seu Centro territorial de monte Enxa (Porto do Son), de non ser polo feito de que a evacuación do mariñeiro produciuse a máis de 300 millas (ida e volta) dende e a Alvedro, practicamente ao límite da capacidade de voo do Helimer 407.
Talvez poida parecer esaxerado falar dunha operación arriscada, afeitos como estamos xa en Galicia a constatar a preparación das tripulacións tanto dos helicópteros de Salvamento Marítimo (con base en Alvedro) como dos da Xunta (o Pesca 1, con base en Peinador-Vigo, e o Pesca 2, con base en Celeiro-Lugo). Máis é ben certo que non resulta doado tirar esta conclusión tendo en conta que as citadas aeronaves -especialmente os Helimer- xa se puxeron a proba en distintas ocasións ao voar superando os límites estabelecidos polos seus fabricantes que se fixan en pouco máis de 200 millas.
Non teño a seguridade de que o voo realizado esta fin de semana polo Helimer 407 fora o de maior distancia cuberta cara ao mar aberto, onde navegaba o buque-guindastre obxectivo. Pero probablemente estea entre eles.
Teño que decir que, anos atrás, cando o límite de voo estaba estipulado nas citadas 200 millas, este límite fora superado en varias ocasións -poucas- polo daquela denominado Helimer Galicia; pero saír da base coa certeza de que o enfermo a rescatar estaba nun buque-guindastre cuxo encontro debería producirse a máis de 150 millas, con outras tantas para o retorno a base, non debe ser das experiencias máis desexadas polos tripulantes da aeronave.
En xogo estaba, naturalmente, a vida dunha persoa, un mariñeiro. Coma tantas veces dende que existe en Galicia o Servizo de Gardacostas de Galicia e, posteriormente, o Salvamento Marítimo, ambos recibidos escepticamente -e mesmo con afiadas críticas- polo sector pesqueiro que, co paso do tempo e a experiencia vivida por uns e outros, souberon valorar o que para eles e as súas familias significaba e significa de tranquilidade saber que en Galicia hai tres bases para outras tantas aeronaves (máis o avión de Salvamento Marítimo estacionado en Lavacolla-Santiago) que van pór en marcha os seus rotores ao pouco de recibir do mar un sinal de socorro.
Este foi tamén o recoñecemento feito público polo capitán do semisubmerxible ou buque-guindastre a cuxa tripulación pertence o mariñeiro rescatado esta fin de semana.
Compre gabarnos do feito e felicitármonos por contar con senmellante servizo.


