
Este venres 15 de marzo celebrouse en Rianxo a presentación da XI edición de Os 100 dos Internacional Trekkers do Barbanza, proba que este ano terá como punto de partida e de chegada o municipio rianxeiro (con Catoira como concello convidado).
No acto, presidido polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, participaron tamén os rexedores de Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Boiro (Luis Pérez Barral, José Carlos Vidal e José Ramón Romero), os concelleiros e as concelleiras de Deportes de Porto do Son, Lousame e Noia, a xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro, así como os organizadores da proba.
Bustelo destacou “o traballo das persoas organizadoras dun dos eventos deportivos máis importantes da comarca, o cal non só destaca pola súa dureza dende o punto de vista deportivo, senón por percorrido que atravesará este ano algunhas das paraxes máis fermosas da nosa bisbarra, como o Pozo Bastón ou o Pico Muralla”.
Quen precise máis información ou formalizar a súa inscrición pode facelo na web Tracktherace.com.
A proba está organizada polos Concellos de Rianxo, Lousame, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Boiro, xunto coa Mancomunidade Barbanza Arousa e o Concello de Catoira, que será o municipio convidado desta convocatoria (con especial protagonismo das Torres do Oeste). A proba pasará por todos os devanditos territorios.
Os 100 do Barbanza é unha proba de trail de 100 quilómetros que se realiza en 24 horas e que forma parte da Liga de Sendeirismo de Galicia e da Liga Ibérica.
Segundo se fixo saber na presentación de Rianxo, “este ano a proba promete unha experiencia inesquecíbel coa saída máis especial ata a data”. De feito, as e os participantes iniciarán o seu percorrido a bordo dun barco explorando treitos do lendario Roteiro Xacobeo. Desta maneira, as e os deportistas desembarcarán nas históricas Torres de Oeste en Catoira, onde serán recibidos “coa autenticidade e a forza dos viquingos”, expresou a organización, salientando que “desde alí a proba dará inicio oficialmente, abrazando parte do Camino A Orixe”.
Un dos principais obxectivos da organización é “poñer en valor a enorme riqueza paisaxística, cultural e histórica do Barbanza, a través de camiños ancestrais, sendas fluviais, corredoiras, etc”.
Trátase dunha proba non competitiva, con percorrido circular e un desnivel positivo aproximado de 3.000 metros.
Para seguir toda a información sobre a carreira, os interesados deben estar atentos ás redes sociais Instagram (@Os100doBarbanza) e Facebook (Os 100 dos International Trekkers).
O evento conta con só 300 prazas, con prezos de inscrición de 70€ ata o 30 de abril, e logo aumentarán a 90€ no seguinte tramo de inscricións ata o 10 de xuño.
O International Trekkers Barbanza Sar (ITBS) é un club de montañismo integrado por seareiros das comarcas de Sar (concellos de Padrón, Rois e Dodro) e de Barbanza (concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Lousame, Ribeira e Porto do Son). A entidade foi fundada en 2013 co obxectivo de “organizar e xestionar a primeira carreira de ultrafondo de Galicia (100 quilómetros en 24 horas)”.
O ITBS está conformado por corredores con moita experiencia en probas de ultrafondo, sendo frecuente a súa participación en marchas de 50 quilómetros en Galicia e o norte de Portugal. Ademais, son asiduos á Copa Galega de Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo.
A inscrición inclúe dorsal, medalla e diploma de participación, ademais dunha camiseta da proba, unha bolsa de agasallos, seguros, o alugueiro de dispositivos de localización, avituallamentos tanto sólidos como líquidos e cea. Na comida final de confraternidade as e os participantes gozarán de produtos gastronómicos da zona para celebrar os logros e compartir experiencias entre todas as persoas participantes.



