
Coa conferencia Coñecemento da poboación dos efectos do radon na saúde daba comezo este xoves 21 de marzo unha nova charla abeirada ás XVIII Xornadas de Información Sociosanitaria de Outes. A conferencia foi impartida polo doutor Luis Mayo Suárez, licenciado en Medicina e Cirurxía e alumno de TFG (Traballo de Fin de Grao). A sesión desenvolveuse como vén sendo habitual nestas xornadas no salón de actos da Casa da Cultura da Serra de Outes, baixo unha asistencia de mais de 100 persoas.

A sesión puxo o foco en divulgar en que consiste o devandito gas radiactivo tan presente na nosa terra (principalmente polos solos graníticos) e nos métodos que pode aplicar a cidadanía para minimizar o seu impacto.
A coordinación correu novamente a cargo do doutor Xosé Mª Dios Diz, médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Ao final do acto, o relator foi agasallado con unha figura de artesanía feita polos usuarios de ADISBISMUR Valadares (Outes).

A vindeira conferencia celebrarase o vindeiro 17 de abril baixo o título Soidade da idade adulta, estratexias preventivas e alternativas de vida para a vellez impartida por Miguel Vázquez Vázquez, especialista en Xeriatría e Xerontólogo Social, ademais de director da empresa do sector da atención médica Caligers, Servizos Sociosanitarios.
A nova edición das xornadas rematará o 30 de maio, con Saúde mental: saber pedir axuda, a cargo de Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga do Complexo Universitario de Conxo.



