O Concello de Ribeira informou dun reforzamento do alumeado público nalgunhas contornas do centro urbano da cidade, concretamente no treito da rúa Galicia comprendido entre o Mercado Municipal e o cruzamento co Parque García Bayón. Segundo informaron fontes do Consistorio, a iniciativa respondeu ás demandas concretas da veciñanza. “Ante estas solicitudes incrementamos a iluminación neste punto para mellorar a seguridade cidadá e crear un ambiente máis seguro para residentes e transeúntes”, sinalou a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, engadindo que “dende o Concello seguimos a traballar para garantir o uso seguro de tódolos espazos públicos e mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza”.




