
A xunta de Goberno local do Concello de Boiro celebrada este mércores 6 de marzo deu luz verde á adxudicación o proxecto denominado Mellora de camiños existentes do parque da Cachada para favorecer a accesibilidade ao recurso turístico. As obras vanse acometer mediante unha subvención da Axencia Galega de Turismo.
O importe das actuacións ascende aos 55.027,90 euros e ten como finalidade a optimización e a remodelación dos camiños existentes no dito complexo ambiental e de lecer para liberar de barreiras os accesos interiores.
O Concell lembra que “na actualidade o principal acceso á sala de exposicións, auditorio e Casa da Cultura, infraestruturas todas elas situadas dentro do parque, atopase en estado de deterioro debido ás raíces das árbores que impiden a correcta circulación de cadeiras de rodas e que ademais xeran resaltes que son perigosos para persoas con mobilidade reducida”.
A actuación que se pretende executar consiste no fresado do pavimento actual e retirada de raíces na zona do camiño; a execución dun novo camiño de formigón con acabado anti-esvarante nun espesor de 8 centímetros; e un remate lateral con rígola prefabricada de formigón para a canalización das augas pluviais.

Noutro dos tramos vaise adecuar un camiño mediante pavimento compacto de tipo natural que permita realizar un camiño seguro para persoas con limitacións de mobilidade, retirando a actual capa vexetal e executando un camiño empregando area-cemento.
Estas obras vanse complementar coas demais actuacións de acondicionamento do espazo que se están a executar mediante o Obradoiro de Emprego para o saneamento dos xardíns, e tamén co proxecto de rehabilitación da Casa da Cultura de Boiro co que se vai ampliar a instalación e que ascende aos 2,6 millóns de euros e conta co financiamento da Goberno de España mediante fondos Next Generation.



