O BNG anuncia unha “ofensiva” contra o proxecto de Altri na Ulloa

21 Marzo 2024

O BNG anunciou este 21 de marzo unha “ofensiva institucional” contra o proxecto da portuguesa Altri na Ulloa e anunciou que apoiará a mobilización veciñal para impedir que se materialice a iniciativa en Palas de Rei, unha “auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza que causará un enorme prexuízo ambiental e socioeconómico en toda a comarca da Ulloa, chegando o seu dano até a ría de Arousa”, sinalou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, quen dixo que o PP “minte en relación ao proxecto”, porque, dixo “non ten nada que ver co que se anunciou, posto que o que pretende instalar Altri en Palas de Rei non é unha factoría de fibras téxtiles, senón unha gran fábrica de celulosa líquida tres veces máis grande que a de ENCE en Pontevedra”.

“Segundo recoñeceu a propia empresa”, subliñou Rodil,” a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 t. e 200.000 t. respectivamente coa factoría a pleno rendemento”.

E engadiu: “Pretenden instalar en Galiza unha fábrica contaminante que non queren en Portugal, que xeraría un enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón tamén en Agolada, Santiso e Melide e na contorna da ría de Arousa.

“É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis preciado que temos”, apuntou en alusión a auga que precisaría a pasteira que, segundo a propia empresa, captaría máis de 16 millóns de metros cúbicos ao ano procedentes do encoro de Portodemouros. É dicir, 46.000 metros cúbicos de auga ao día ou, o que é o mesmo, 535 litros por segundo. “Altri succionará máis auga da que consumimos nun día as 350.000 persoas que vivimos na provincia de Lugo”, destacou Olalla Rodil.

A celulosa vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, explicou a deputada nacionalista, salientando que “o Ulla xa ten agora uns índices elevados de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa da que comen máis de 4.000 familias, que produce máis do 70 % do mexillón de Galiza e que leva anos vendo caer a súa produtividade”.

Rodil destacou, por outra banda, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...