
O Concello de Boiro celebrou este xoves 21 de marzo o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, que contou coa totalidade de membros da Corporación, 17. A sesión pode verse íntegra na canle de YouTube.
Antes do comezo do debate dos puntos da orde do día a Corporación municipal gardou un minuto de silencio como mostra de condolencia e condena polo asasinato machista acontecido o pasado martes en Palmeira.
A sesión saldouse, entre outros acordos, coa aprobación provisional da regulación do prezo público de recarga de vehículos eléctricos. Tamén prosperou, cos votos en contra do PP, a moción presentada polo BNG para dar forma ás alegacións locais contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, unha iniciativa que segundo os nacionalistas, tería graves consecuencias para o marisqueo e a pesca na ría de Arousa.
Votacións da sesión
Aprobación provisional do ditame sobre a ordenanza reguladora do prezo público polo servizo de recarga de vehículos eléctricos – aprobación con 9 votos a favor (PSOE), 5 votos en contra (PP) e 3 abstencións (BNG e Boiro Novo).
Aprobación inicial do ditame da modificación puntual nº1 da Relación de Postos de Traballo – aprobación con 9 votos a favor (PSOE) e 7 votos en contra (PP e BNG), e 1 abstención (Boiro Novo).
Aprobación do ditame polo que se desestima a solicitude presentada por Estrella del Mar SLU para a prórroga da concesión de dominio público outorgada por este Concello con data 11/03/1993 para a explotación dun servizo bar- restaurante en Praia Xardín – aprobación con 9 votos a favor (PSOE) e 8 votos en contra (PP, BNG e Boiro Novo).
Ademais, o BNG presentou unha moción de urxencia sobre a elaboración de alegacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. Unha vez aprobada a urxencia da moción deuse paso ás intervencións e votación, quedando esta moción aprobada por 12 votos a favor (PSOE, BNG e Boiro Novo) e 5 votos en contra (PP).



