Era tan pequeno, tan pequeno, que no taller de Canucho, abeirado este na práctica á conserveira do mesmo propietario e do taller do Alemán -a carón da praia dos Alemáns, en Ribeira- que os compañeiros de taller alcumárono “Miñoca” cando en realidade o seu nome era Santos Gómez Dios, fillo de Ramiro Santos e Delfina Dios.
“Miñoca”, é dicir Santos, quería ser mecánico. Seu pai tiña unha dorna e fixaba o seu futuro, o de “Miñoca”, na pesca, na dorna “Delfina” que cada día quedaba varada na praia da Ameixida, a un tiro de pedra das conserveiras de Briz e Valeiras. Por este motivo -o de querer ser mecánico- había discusións diarias dende que Santos aprendera na escola do “Roxo” a lér e escribir, así como a sumar, restar e multiplicar (dicía que dividir non lle chamaba a atención porque, ao final da operación, sempre perdía aquel que máis tiña).
“Miñoca” era pequeno, mais moi agudo. Aprendía con rapidez. Xa o primeiro día de taller -que compartiu no departamento no que se almacenaba ordenadamente a ferramenta que os mecánicos empregaban- con Suso de Fontán comprendeu que non podía entregar ferramenta a ninguén sen que o solicitante da mesma non depositara previamente a chapiña numerada que cada quen tiña e que permitía saber qué empregado a tiña outorgada para realizar o traballo.
- “Miñoca”, dame unha chave do oito- foi o primeiro pedido que lle fixeron cando aínda estaba no almacén Suso de Fontán, que lle orientou cun aceno da cabeza sinalando onde estaba tal chave (inglesa, por certo).
Moi satisfeito, Santos “Miñoca” entregou a chave solicitada. Sorriu cara a Suso e este correspondeu con outro sorriso de esguello.
Ollou a chapiña metálica co número 87. Estaba posta na alcaiata número 87, que era aquel no que, cando lle entregaran a ferramenta pedida, pasaría a ocupar esa alcaiata.
– Primeiro traballo feito, “Miñoca”. Non che queda nada!, dixo Suso mentres collía un pitillo Camel.
Santos “Miñoca” fixo que non ouvira. Con fío de estopa limpou a graxa acumulada no mostrador ollando ao mesmo tempo as grandes máquinas operadas por oficiais torneros, fresadores,, etc. prometéndose que tamén el sería oficial.
Pasaron os días, as semanas, e Santos “Miñoca” seguía no cuarto das ferramentas. Agora, só. Aburrido. Dedicado, exclusivamente, a despachar e recoller e limpar as ferramentas, cando a verdade é que a súa máxima aspiraciòn era ser mecánico-fresador para, un día calquera, pedir traballo na fábrica HMR de motores mariños.
Nestas cavilaba cando o encargado do taller, achegándose ao ventanuco, preguntou como lle ía.
Sorprendido, respostou: “Ben; pero quero ser fresador”.
- Fresador, carallo. “Miñoca” quere ser fresador. Xa?.
- Canto antes, señor Manolo!.
- Teréino en conta, rapaz; máis vas ter que ir amodo. Un fresador non se fai nun mes, nen dous, nen nun ano… Hai un tempo de aprendizaxe, de práctica..
O encargado, enfundado nun “buzo” azul, de mahón, foi indo cara onde estaban os tornos. Parolou uns minutos, poucos certamente, cos torneiros, e cando marchou ríron todos ollando cara ao cuarto-almacén de ferramentas no que Santos “Miñoca” limpaba en petróleo varias brocas.
Eran as sete e media da tarde cando se despedía dos seus compañeiros, estes cun sorriso burlesco. Na porta do taller, perto do acceso á rampla da conserveira, Santos “Miñoca” guindou á praia un emburullo de roupa (a de traballo). Acendeu un “Camel” e, na fonte de Padín, bebeu un grolo de auga. Apurou o pitillo e guindou a cabicha mollada á leira de millo que lindaba coa fonte, camiño de Deán.
– Eu non agardo anos a ser fresador -díxose a sí memo-. Pérdeme a mecánica, gáñame a pesca. Meu pai vai ter un compañeiro na dorna. Irei no remo de couso.
Santos “Miñoca”, antes de entrar na casa mexou nas canaveiras da Ameixida, caneu un gato e berrou:
– Mamae, dende mañá teremos fanecas, xulias, polbos e luras a esgalla. Vou ser o mellor dorneiro da contorna. Iréi pescar con papae. Despachar ferramentas non é o meu oficio.
Tres anos máis tarde, rematado o servizo militar en Cartagena, Santiago “Miñocas” fixo o curso de cabo e reenganchou na Armada, con destino na base da Carraca, en San Fernando (Cádiz). Quería vir a Ferrol. Quedou no camiño, facendo auto stop.



