Non dan chegado a un entendemento a ministra para a Transición Ecolóxica e o sector pesqueiro por mor dos parques eólicos mariños.
O Goberno semella non ser partidario de rectificacións a respecto da planificación dada a coñecer e que fai referencia á instalación de muiños mariños frotantes, e o sector pesqueiro non cede nas súas pretensións de conservar os seus caladoiros de pesca libres de aeroxeradores mariños.
O sector pesqueiro de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi que traballa no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste, da emprego a máis de 12.000 mariñeiros que viven dos recursos das costas destas catro comunidades nas que faenan a cotío 4.300 barcos de distintos rexistros. Estes xeran en terra perto de 50.000 postos de traballo indirectos, motivo polo que o sector pon en marcha unha xeira de protestas que comezan o vindeiro sábado, 16 de marzo, ás 12,00 horas, en Veiga (Puerto de Vega, Asturias), no concello de Navia, onde aínda se fala do antigo porto baleeiro e reduto conserveiro, condicións perdidas no tempo. En Veiga, baixo o lema “Non aos eólicos. Pola supervivencia dos pobos pesqueiros” comeza unha protesta que posteriormente se levará a Burela e ata a illa de Gran Canaria.
Cadra esta mobilización coa defensa da fiscalidade do sector eólico que mantén o director xeral da Asociación Empresarial Eólica, Juan Virgilio Márquez López, que considera que esa fiscalidade é “unha ferramenta estupenda” para “compensar” ás comunidades locais costeiras, ás confrarías e ás contornas da pesca que podan verse afectadas polo despregamento de parques eòlicos nas costas españolas. Pero ningunha condición a prol da redución ou reubicación dos 18 parques eólicos mariños previstos en augas do caladoiro Cantàbrico-Noroeste.
O debate social está aberto: España é un dos referentes mundiais a respecto da eólica mariña -como recoñeceu o propio José Virgilio Márquez- xa que conta co 75% de toda a cadea de valor da tecnoloxía mariña, amáis de infraestrutura clave (construción naval e loxística portuaria), talento e experiencia dentro do sector eólico. Máis non é menos certo que o sector da pesca -especialmente no Cantábrico-Noroeste, Andalucía e Canarias- xunto cos sectores conserveiro, mexilloeiro e marisqueiro, amosan unha panorámica de emprego superior a canto a eòlica mariña significa neste momento e que, previsiblemente, canto máis medre esa industria máis irá en prexuizo da pesca costeira. Un sector este ao que tampouco falta a tecnoloxía e a infraestrutura punta que se lle recoñece á eólica, como tampouco carece de talento e experiencia, recoñecidos sobradamente no mundo enteiro.



