Comunidades de montes do Courel e Barbanza celebran o Día dos Bosques e da Poesía plantando castiñeiros

21 Marzo 2024

Este xoves 21 de marzo Celébrase o Día Internacional dos Bosques, o Día da Árbore e tamén o Día Mundial da Poesía. Buscando conmemorar estas efemérides de por si interrelacionadas, dúas comunidades de montes veciñais homónimas nos extremos opostos de Galicia, Froxán (Folgoso do Courel) e Froxán (Lousame), organizaron ao longo do día plantacións de castiñeiros ao son de poetas nativas. As dúas iniciativas forman parte do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC), que busca amosar “como é posíbel transformar os territorios, protexéndoos fronte ás ameazas dos incendios forestais e cambio climático ao mesmo tempo que se poñen en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte”.

No Courel, a plantación encadrouse no encontro poético na montaña organizado pola Furgoteca, o servizo de Bibliotecas Móbiles de Galicia, no que sete poetas (Yolanda Álvarez, Beatriz Dourado, Brenda Mondelo, Beatriz Pin, Urbano Arza, Antón Cando e Xesús Afonso Parada Jato) festexaron coa súa lírica os traballos de recuperación do monte de Froxán, lugar da parroquia de Vilamor, que en 2022 foi escenario do maior incendio da historia de Galicia, con máis de 11.000 hectáreas queimadas. A plantanción simbólica busca “chamar a atención sobre o potencial dos chamados cortalumes verdes, devasas forestais que integran as especies máis resistentes ao lume e forman espazos resilientes con maior biodiversidade e posibilidades de uso multifuncional”. Precisamente no grande lume de 2022, en Froxán de Vilamor unha foresta baixa con castiñeiros axudou a limitar os danos.

O mesmo aconteceu no outro Froxán, en Lousame, nun incendio en 2016 que tamén foi freado por outra masa de frondosas que evitou que o lume chegase ás casas. Por iso, na xornada deste xoves 21 tamén quixeron unirse a esta irmandade de árbores e poesía reforzando unha “paisaxe cortalumes” que levan anos a coidar e que en 2017 lle valeu o recoñecemento polo Programa da ONU para o Ambiente como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais.

A iniciativa encádrase no proxecto CAPRIF-CC, no que participan a Fundación Juana de Vega, a Fundación CEER, CETEMAS, Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Ademais de xornadas como esta, o proxecto creará unha rede de Living Labs nos territorios nos que se levarán a cabo numerosas actividades de innovación aberta, formación e co-creación buscando a dinamización económica no ámbito forestal e os usos multifuncionais. A maiores, elaborarase un mapa de talento e un atlas de boas prácticas para pór en valor e divulgar as experiencias de conservación comunitaria e xeitos de xestión positivos en termos de fomentar territorios resilientes e biodiversos.

Outros artigos

Volve o Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro e a Secretaría Xeral da Lingua presentaron hoxe a VIII edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, coa que as dúas entidades, en colaboración con El Corte Inglés, pretenden fomentar a creación poética en lingua galega á vez...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.