Este domingo 17 de marzo, centos de persoas (máis de medio milleiro) participaron na Andaina de Art For Dent celebrada en Ribeira baixo o lema Un Raio de Luz, con saída da praza de España e con destino primeiro a pedra da Ra do monte da Cidá, para logo dirixirse as e os participantes de volta a Santa Uxía.
Previamente á camiñada fixéronse unha chea de sorteos con agasallos doados pola cidadanía e polos negocios locais comprometidos coas persoas afectadas pola dita doenza, que, como lembraremos, non ten aínda cura e provoca graves fallos renais nos nenos que a padecen. A andaina veu da man do Colexio Galaxia de Ribeira (con Fernando Yáñez e Abraham Benítez á cabeza) en colaboración co Concello, que felicitou o labor solidario do centro educativo e o apoio mostrado polas persoas e os establecementos colaboradores. Na camiñada estaban inscritas en inicio case 800 persoas.

O diñeiro recadado empregarase para seguir investigando e para dar visibilidade á doenza. Por certo que parte da investigación estase a levar a cabo dende o Hospital Universitario de Santiago, onde levan xa tempo buscando un tratamento para mellor a saúde e as expectativas de vida dos nenos que a padecen, que se ven obrigados, en todos os casos, a un transplante de ril.




