“Ata logo Tucho” – Fernando Sarasketa

17 Marzo 2024

Tucho díxolle á súa neta: lévame ao Faro de Corrubedo. Creo que foi unha das últimas viaxes ou excursións que fixo, era un home de Ribeira, da súa terra, pero tamén un algo viaxeiro e con interese por coñecer outros lugares. En Corrubedo, era un bonito día de sol, sacáronlle unha foto, esta que reproducimos aquí, co faro ao fondo, símbolo da resistencia ante os embates do mar e do vento, igual que Tucho, home rexo e correúdo, tiveron que vir moitas insuficiencias e moitos problemas de saúde todos xuntos e ao mesmo tempo para acabar con el.

Este venres o sol tamén acompañou o seu enterro, un pequeno respiro entre tantos días de choiva, as nubes tiveron con Tucho e coa súa familia o detalle de apartarse. Na foto de Corrubedo as poucas nubes que vemos no ceo parecen ter présa tamén para quitarse do medio.

Antonio Sieira Vidal, Tucho Charlín, deixa un oco ben grande entre quen o quixo e o apreciou. Este baleiro faise aínda máis grande ao tratarse Tucho dun home, como dicía o poeta Machado, bo no bo sentido da palabra. As fotos que acompañaron a despedida no velorio e que rexistran diferentes momentos da súa vida, son importantes non só por Tucho, senón tamén pola xente que o acompaña, principalmente familiares (fillos, netos), e pola felicidade inequívoca que irradian polo simple feito de estar na súa compañía.

Tucho era un resistente, cousa que quedou referendada no último treito da súa vida. Unha resistencia firme e sen alardes. Este temperamento reflectiuse tamén na súa vida como empresario, á fronte da Panadaría Charlín, un negocio que debera aparecer en todos os libros da historia da comarca como modelo de éxito baseado na tradición. Dicir que xa non quedan moitos negocios como Charlín pode parecer esaxerado, pero non o é. Así se facían as cousas hai máis de cen anos (con forno de leña e fariñas do país) e así se seguen a facer, a pesar do moito que cambiou todo e da presión low cost da competencia. Foi e segue sendo un segredo a voces: a fórmula do bo trato e da calidade no produto aínda funciona e aquí o tendes, en Ribeira, nas Carolinas.

Tucho marchou este xoves pola tarde e o venres 15 de marzo enterrárono. Tiña 90 anos. Detrás de si deixa décadas de traballo (primeiro nos Talleres Nervión, logo na Panadería Sieira Charlín fundada pola súa nai, á fronte dun dos fornos máis antigos da comarca: outro exemplo de resistencia) e unhas cantas ideas de valor sobre como vivir, como tratar aos demais e como despedirse. Non haberá máis fotos del no Faro de Corrubedo pero o espírito, como dicía a canción, permanece.

Outros artigos

“Apuntes en septiembre”. Mario Clavell

Vine al calor de mi ciudad mediterránea y hago un resumen de la Compostela que acabo de dejar. Dejo la torre Berenguela andamianada para que la maquillen. Me dura la emoción cósmica del eclipse del 12 agosto. El Obradoiro en estremeció en esa hora de...

+

“A arte de non morrer”. Xosé González Martínez

O ensaio escrito polo médico Roberto Fernández Álvarez, “Arte de non morrer.Antropoloxía da lonxevidade galega” recibíu Premio Ramón Piñeiro, moi merecidamenteporque é un estudo denso con abondosos datos e atinadas interpretacións científicas.O seu autor afonda nas...

+

“Sociedade actual” – José Manuel Pena

É evidente que a sociedade actual está creada á medida dos trepas, insolidarios, narcisistas, xenófobos e xente sen escrúpulos. Teñen todas as condicións e facultades para progresar, enriquecerse e explotar ao resto de mortais. Aprovéitanse da humildade, as carencias...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Ayudas sociales: España y Europa” – José Castro López

“Ayudas sociales: España y Europa” – José Castro López

Nadie discute la necesidad de las ayudas sociales propias de cualquier Estado moderno, lo que se discute es su diseño y sus efectos. En este sentido, España ofrece hoy un modelo diferencial cuando se compara con otros países europeos. En los últimos años, el sistema...

“Rúas de Lugo”. Xulio Xiz

“Rúas de Lugo”. Xulio Xiz

Refírome ás de fóra, as que levan o nome da nosa cidade polo mundo adiante. Destas, entendo que debería haber un censo se é que non está feito, e esixir un mínimo nivel estético – tamén ético? – para outorgarlles o placet, ainda que me temo que iso é algo que ninguén...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.