
A Irmandade Cristo da Misericordia de Boiro adiantou as actividades organizadas no marco da Semana Santa 2024, actividades nas que colabora novamente o Concello. A presentación do programa terá lugar na tarde deste xoves xunto coa presentación da nova imaxe, na que participarán a concelleira de Cultura, María Outeiral; xunto coa Hermana Mayor da confraría, María José Figueroa; e o párroco de Boiro, don Juan.
O programa de actos da Semana Santa 2024 comezou este xoves ás 20.00 horas coa celebración da misa e, a continuación da mesma, realizouse a presentación da nova imaxe, A Piedade.
Durante a presentación, María Outeiral, concelleira de Cultura de Boiro, agradeceu a implicación da Irmandade Cristo da Misericordia na organización dos actos da Semana Santa 2024 “que implican a boa parte da veciñanza de Boiro, á que quero convidar a formar parte activa destas celebracións”.
O vindeiro 16 de marzo, Sábado de Lázaro, celebrarase ás 20.30 horas a lectura do pregón por parte do arzobispo don Francisco José e a imposición de medallas aos novos cofrades, así como a bendición da Virxe da Piedade. “Esta nova imaxe é unha homenaxe e un recordo a aqueles cofrades que fixeron posible esta irmandade e que hoxe xa non están con nós, unha imaxe que eles soñaron e que hoxe é unha realidade”, afirmou María José Figueroa.
Os actos continúan co Triduo na honra de Virxe das Dores os días 20 e 21 de marzo ás 20.00 horas. O venres 22 de marzo ás 20.30 horas a festividade das Dores e a misa ao rematar a procesión. O 24 de marzo, Domingo de Ramos, ás 11.00 horas celebrarase a saída da igrexa parroquial cara o cruceiro de Bao, onde está prevista a bendición de ramos ás 11.30 horas e máis a procesión e a misa solemne.
O Mércores Santo, 27 de marzo, ás 22.30 horas desenvolverase a procesión da Nosa Sra. da Piedade. O Xoves Santo, 28 de marzo, ás 20.30 horas están programados diferentes actos relixiosos: a misa da Cea de Cristo, o Lavatorio, a Hora Santa e, sobre as 21.30 horas, procesión do Ecce Homo, Virxe da Amargura e Soidade.
O Venres Santo, 29 de marzo, ás 19.30 horas celebrarase a Paixón de Cristo, ás 20.15 horas o desencravo e ás 21.15 horas a procesión do Santo Enterro. Os actos continúan na fin de semana coa celebración ás 21.00 horas do Sábado Santo, 30 de marzo, da Solemne Vixilia Pascual, e rematan o Domingo de Pascua de Resurrección, 31 de marzo, coa misa Solemne de Pascua ás 12.00 horas.



