
O Centro de Formación Profesional Divino Maestro da Pobra do Caramiñal, especializado na familia profesional da FP de Administración e Xestión, presentou ante a Comisión Europea un proxecto de curta duración de Erasmus+ baixo o título Escola Rural Internacionalizada e Inclusiva. A proposta ten por obxectivo facilitar novas oportunidades ao alumnado, concretamente para a realización das prácticas non laborais noutros países da Unión Europea.
Segundo fixo saber a directora do centro, Noemí Calderón, “con este proxecto de internacionalización o centro pretende aliñar os seus obxectivos cos da escola europea, máis en detalle no relativo a converter Erasmus+ en dinamizador do centro, proxectar unha imaxe de calidade, mellorar a formación, ofrecer oportunidades optimizadas ao alumnado e profundar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS), especialmente no relativo á escola ecolóxica, inclusiva e non discriminadora”.
A directora en funcións, Noemí Calderón, referiuse ao programa Erasmus+ como “unha oportunidade para mellorar as competencias persoais e profesionais do noso alumnado. A experiencia permitiralles achegarse a novas culturas, outras linguas e outras formas de traballo que, sen dúbida, lles resultará moi enriquecedora e favorecerá a súa empregabilidade futura”.
No presente curso, o programa Erasmus+ vai permitir desprazar a tres alumnos e alumnas a Francia e outras dúas a Portugal. No caso de Francia será beneficiario o alumnado de ciclo medio en Xestión Administrativa; concretamente participarán Francisco Lojo, Rocío Aboy e Grace Tape. Realizarán as súas prácticas na cidade de Sens, na rexión de Borgoña, no departamento de persoal e comercio do Concello da mesma localidade. A súa estadía en Francia prolongarase dende comezos de abril a finais de xuño.
No caso das mobilidades a Portugal beneficiarase alumnado do ciclo básico en Servizos Administrativos. Concretamente, participarán Melisa Rivas e Ainhoa Romano, quen se desprazarán á rexión da Madeira para traballar na Associação Académica da Universidade da Madeira, localizada na capital da illa, Funchal. Neste caso a súa formación práctica estenderase dende o 5 de abril ao 16 de maio.

Segundo explicou a directora, dado que a totalidade do alumnado que vai cursar as súas prácticas non laborais no estranxeiro é menor de idade, será o profesorado do centro quen os acompañe nas viaxes de ida, para apoialos e para realizar as presentacións nas correspondentes empresas. A Francia desprazarase o profesor Quique Domínguez e a Madeira farao a profesora Jéssica García. Así mesmo, durante a estadía, o alumnado continuará a súa formación lingüística no idioma local e que se está a desenvolver a través da plataforma de formación online da Comisión Europea, a EU Academy.
Así mesmo, Noemí Calderón apuntou que este curso “tamén estamos executando mobilidades formativas de profesorado no ámbito de Erasmus+. Concretamente, dous profesores do noso centro se desprazarán a Suecia para aprender sobre metodoloxías didácticas activas e, así mesmo, dous profesores doutros centros europeos serán convidados ao noso para que poidamos coñecer proxectos innovadores no ámbito educativo da Formación Profesional”, sinalou.



