Na mañá deste 21 de marzo o Concello de Porto do Son celebrou o Día Mundial da Árbore participando cos escolares nunha nova plantación de autóctonas. Acudiron ao acto de celebración o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, e máis o concelleiro de Medio Ambiente, Juan José Calo, que se achegaron ao monte da parroquia de Noal para compartir coa rapazada a importancia de coidar e protexer o noso patrimonio natural.

Deste xeito, co traballo do alumnado do CEIP Santa Irene e a axuda e colaboración da comunidade educativa, da ANPA O Campo, da Comunidade De Montes de Noal e de Voz Natura (a través do seu proxecto Aula Aberta, cultivando oportunidades), realizouse a plantación dunhas xeitosas árbores galegas.




