
A Asociación Saúde Mental A Creba, con sede nos municipio de Ribeira e Noia, reivindicou o Día Internacional da Muller (este venres 8 de marzo) participando nunha serie de actividades coas que resaltar a importancia desta data coas usuarias e usuarios da entidade.
Durante días previos, foron varias as sesións nas que se debateu e conversou sobre os mitos do amor romántico, o maltrato á muller con doenzas mentais ao longo da historia e a carga mental que recae sobre a poboación feminina.

Dende a sede noiesa tiveron ocasión de asistir á proxección dun filme sobre a dita temática, ademais de presentar material conmemorativo do 8M ( bolsa e camiseta), realizado na propia entidade e que xa está á venda para aquelas persoas interesadas.
Por outra banda, as persoas usuarias do centro de Ribeira participaron nos actos organizados polo Concello, asistindo a semana pasada á homenaxe realizada ás artistas plásticas e, tamén, á representación da obra teatral Comisaría de Mulleres, que tivo lugar no Auditorio Municipal.

Desde A Creba aproveitaron para destacar a dobre desvantaxe na que viven as persoas con doenzas mentais, polo feito de ser mulleres e por ter un diagnóstico de saúde mental, incluso se agravaría nos casos nos que proceden do ámbito rural. Destacar que 3 de 4 mulleres, deste colectivo, teñen sufrido violencia no ámbito familiar ou de parella e o 40% delas foron vítimas da violencia sexual.



