A Audiencia Provincial da Coruña (sección desprazada de Santiago de Compostela) absolveu ao ex xefe da Policía Local de Boiro acusado de cometer un delito de prevaricación continuada por irregularidades na tramitación de multas de tráfico, delito que lle imputaban a Fiscalía e o Concello e que implicará a non tramitación dunha ducia de infraccións. No fallo, o tribunal sostén que non é posíbel “constatar que a non remisión destas multas a tramitación fose ordenada polo acusado”. Tamén di que algunhas das infraccións “teñen erros de atribución” e que “aínda de ser probados os feitos que se lle imputan, non son constitutivos dun delito de prevaricación”. Máis polo miúdo, a sentenza aclara en relación ás denuncias baixo sospeita, “non hai certeza a teor da proba testifical de que fose unha tarefa que fose sempre levada a cabo persoalmente polo acusado” ou que “derivase sempre dunha decisión súa”, xa que outros axentes recoñeceron que se encargaban da confección dos boletíns.




