“Sucos de sangue”. Luís Celeiro

10 Febreiro 2024

Díxoo unha veciña do barrio por onde pasan os peregrinos que veñen, de lonxe ou de cerca,
peregrinando polas rotas que van dereitiñas á Catedral de Santiago. Ela, de idade avanzada, o corpo
cansado polo tempo e a súa cabeza pousada nos ombreiros, dereitiña e chea de razón e razóns dixo
que sempre fora e seguirá sendo boa. Xa que logo, irá directamente ao Ceo, alá arriba por onde
voan as almas da xente de ben, alá, onde repousa caladamente a veciñanza que morreu de moza, de
maior ou de vella, por enfermidade, por idade ou por nada.
A veciña da que falamos pasa a mañá na ventá, cos brazos cruzados, mirando como vai e volve a
veciñanza, como corren os meniños e cavilando no lonxe que está ningures. Ve mal e pouco (co ollo
esquerdo non ve nada), escoita mal, moi mal (co ouvido dereito non escoita nada e co outro pouca
cousa). Ao parecer, unha infección en mala hora, e mal curada, deixoulle unha otite que non lle
permite descansar de pé nin na cama. Por veces, aparécenlle outras síndromes que non lle deixan
facer nada e moito menos escoitar o que lle falan. Pero ela quere ir directamente a onde están os
seus de sempre, os de antes, e onde quere reservar praza para os seus fillos e netos.
Tamén ten as pernas mal, anda mal, pero vai tirando. Fala do goberno, das eleccións e das pensións.
“non entendo que está pasando. Aí na televisión -di- non fan más que falar e falar cada un do seu,
pero non resolven, non axudan, non explican o que vén ao caso”. Pasou toda a súa vida traballando,
na casa e fora dela, igual que traballaron outras moitas mulleres galegas, no mar e na terra, na
cociña e na oficina.
Agora está desolada e abatida. Cobra de pensión uns oitocentos euros e non lle chegan a nada. Está
enferma e desanimada. Os peregrinos que pasan danlle alento, pregúntanlle por onde segue o
Camiño e ela xa ten a resposta preparada: recto, señora, recto ata chegar á explanada. Cando sexa a
hora, entren na Catedral e recen o que saiban, escoiten ao Apóstolo e pídanlle por nós e polos
defuntos da casa.
Pídanlle polo benestar colectivo, pola igualdade entre homes e mulleres, pola mellora dos salarios e
pola xustiza, para que sexa sempre xusta. Pídanlle ao Apóstolo polo ben na terra, aquí nesta terra
nosa e naquela con sucos de sangue arados polas guerras.
Esas guerras inxustas igual que sempre, inimigas da convivencia, produtoras de dor e, como dicía
Nietzsche, capaces de converter en estúpido ao vencedor. Todas son inxustas e inxustificables, todas
con regueiros de sangue de inocentes, sen razón e, probablemente, orixinando problemas sen
solución. O egoísmo dos poderosos permítelles fabricar armamento e, a pesar da tristeza, anímaos a
matar e a estender os conflitos armados como as manchas de aceite queimado. A Tía Manuela, unha
vez máis e con voz recia, manda parar.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...