O informe dos técnicos designados sobre o afundimento en augas de Terranova do pesqueiro Villa de Pitanxo, fixo que nos esquecéramos por uns días das causas e efectos da presenza de pellets de plástico en distintas rías galegas, nomeadamente as de Arousa e Muros-Noia. Máis os pellets procedentes de, polo menos, un contedor dos varios perdidos polo buque liberiano Toconao fronte á costa de Viana do Castelo (Portugal), non se deben perder de vista.
Se ben para as compañías navieiras perder “unha certa porcentaxe dos contedores [que transportaban esas boliñas de plástico] non é un problema económico, si é en realidade un problema medioambiental”, na opinión de Ricardo Beiras, catedrático de Ecoloxía na Universidade de Vigo quen, xunto co seu grupo ECOTIV, apañou pellets chegados ás costas galegas procedentes da vertedura do Toconao.
Os resultados preliminares dos seus estudos en torno á toxicidade para o mar deses pellets, desbotan que a mesma sexa “relevante” sobre un organismo modelo, pero compre seguir investigando ao respecto, segundo unha publicación de gCiencia, órgano de difusión científica da Universidade viguesa: porque o plástico pode ser inocuo -conclúe- pero as súas substancias químicas poden supor un risco para os organismos mariños.
Para facer un seguimento da crise dos pellets, a Xunta creou un comité de expertos. Esta crise -que non esquecen os sectores pesqueiro e marisqueiro galegos- está presente nos debates políticos que se realizan estes días para situármonos na Galicia á que os partidos en liza nas eleccións do 18 de febreiro deberán defender deste e moitos outros problemas que nos afectan aos galegos. E o dos vertidos no mar non é menor: as análises da Xunta revelan a presenza de ata un 10% de aditivos químicos nos pellets, e aínda que os resultados son preliminares das probas aquí realizadas, confirman esa baixa toxicidade, hai que contrastalos con outros modelos e con outros organismos distintos aos empregados en Galicia. Porque se confía na ficha técnica do produto facilitada pola empresa que os produciu, pero a ficha de seguridade (outro documento que levan os produtos químicos como os pellets) non inclúe a totalidade de substancias que poden existir nos pellets.
Sábeno ben as compañías navieiras, reacias ao transporte desas substancias, o que fai que os prezos deste transporte se “disparen” para os fletadores. E pode ser por unha cuestión de patentes e mesmo confidencialidade.
Un estudo levado a cabo pola Universidade da Coruña constata que figuran máis de media ducia de compostos químicos que non estaban no documento elaborado polo Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) por encargo da Xunta para determinar a composición dos pellets máis aló do que resultan as citadas fichas técnicas e de seguridade sobre a composición dos mesmos.
Existe un regulamento para plásticos que entran en contacto cos alimentos que, segundo o catedrático Ricardo Beiras, “é moi mellorable porque non obriga a especificar a súa composición”. Tampouco a trasladar publicamente as substancias que conteñen, nen impide usar aditivos incluidos na listaxe de varios centos deles que si figuran no xa citado regulamento. Das 900 substancias químicas de cada lote de plásticos que se fabrica, non se comproban na súa totalidade. E son materiais que utilizamos para gardar comida ou introducir no microondas para quentala.
Os plásticos son un medio de introdución de substancias químicas no ambiente e, no caso dos pellets que chegaron ás costas galegas, no medio mariño.
Nos traballos de recolleita de pellets poido comprobarse algo que xa sabiamos todos: na costa galega había e hai máis plástico “normal” (botes de lixivia, frascos de pintura, botellas de bebidas, etc.) que son máis abundantes que os pellets e moito máis tóxicos. Estamos a converter o mar nun vertedoiro. Non coidamos a calidade do mar. E deste xeito non se poden asegurar debidamente os recursos de moita calidade que ten Galicia.
O contedor perdido polo Toconao contiña 26 toneladas de pellets. Pero hai outro contedor -do que non se fala- que ten plástico e rolos film, que non aboian. A onde irán parar?.



