
Este martes 6 de febreiro a Asociación de Empresarios de Ribeira mantivo unha reunión de traballo coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Participaron na xuntanza o presidente da patronal Francisco Martínez Gude e máis o secretario Juan Martínez. Na sesión tratáronse cuestións de interese para o empresario local e para a totalidade do concello, como por exemplo a consecución para o municipio dun Rexistro da Propiedade ou impulsar a xestión para a obtención en Ribeira do permiso de conducir.
Respecto do Rexistro da Propiedade, a patronal ribeirense fíxolle saber á subdelegada o seu desexo de que se dote Ribeira dunha oficina destas características que permita “tramitar aquí todos os asuntos que lle pertencen a esta entidade, sen ter que obrigar á cidadanía a trasladarse a Noia, o que carrexa múltiples problemas para a nosa cidade e núcleos limítrofes como mínimo en tempo de desprazamento e gasto económico”, sinalaron os representantes da asociación, que lle trasladaron a María Rivas “o gran volume do movemento do Rexistro de Noia que se deriva precisamente da actividade dos concellos do sur da comarca do Barbanza nas vertentes de Industria, compra vendas de inmóbeis, herdanzas e outras operacións”. Esta sobrecarga de traballo solucionaríase cun rexistro en Ribeira, sinalaron, engadindo que sería axeitado que a oficina de Noia se centrase unicamente nos concellos de Noia, Lousame e A Serra de Outes.
Sobre a xestión da obtención do permiso de conducir, a patronal abordou a posibilidade de “solicitar que os exames para a consecución da licenza se realice en Ribeira, pois son moitos os inconvenientes de perda de tempo e económicos que lles reporta aos cidadáns o desprazarse a Santiago para a realización dos mesmos”. Segundo a asociación, esta petición, do mesmo xeito que a anterior, foi moi ben acollida e a subdelegada comprometeuse a facer as xestións inherentes e poder lograr este servizo para o concello. “Recibimos por parte da subdelegada unha moi boa acollida aos problemas referenciados ofrecéndose, para unha vez estudados, trasladar aos organismos competentes a resolución dos asuntos expostos”, sinalaron.



