
O descenso xeneralizado en 18 das 23 lonxas integradas na rede de Portos do Estado é evidente: só 4 acadaron mellorar o resultados do ano 2022, segundo se tira das estatísticas anuais do ente que depende do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. En conxunto, as lonxas nacionais pecharon o ano cun resultado de 130.545 toneladas.
Vigo volve liderar o ranking, pechando o ano cun acumulado de 32.102 toneladas menos. É un descenso do 5,6% fronte aos datos de 2022. En segundo lugar está A Coruña cunha caída do 3,2% e un acumulado de 27.230 toneladas. Pasaia ocupa o terceiro lugar con 18.671 toneladas e un 2% de caída). A Bahía de Cádiz figura en 4º posto con 12.200 toneladas (un 3% menos) e Xixón supera por poucas toneladas a Avilés, que descende da 4ª á 6ª praza.
En España a primeira venda caeu un 5% en volume, cun acumulado de 334.000 toneladas e un 9% en valor, en comparanza co mesmo período de 2022. As lonxas españolas facturaron 1.097 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano pasado, manténdose, con todo, na primeira posición da UE.
Na banda contraria, a frota danesa acumulou de xaneiro a setembro 610.000 toneladas (un 18% máis) por valor de 405,4 millóns de euros (un 14% máis).
Dinamarca é a única potencia pesqueira europea que mellorou os postos de valor e volume en primeira venda no ano 2023. A redución en capturas e, en consecuencia, de actividade vinculada á primeira venda de peixe non afecta unicamente a España. Das cinco principais potencias só Dinamarca se salva dos números roxos, segundo os datos recollidos por EUMOFA.
Resumindo, Vigo é o primeiro porto pesqueiro de Galicia., con 55.162 toneladas (10,4% sobre o total de España); segundo, A Coruña, 38.430 toneladas (6,98%); terceiro, Marín, con 6.979 toneladas (1,27%), seguido Vilagarcía, 6.100 toneladas (1,11%); Viveiro, 5.583 Tm. (1,01%); Ribeira, 2.279 Tm. (0,41%); Bueu, 2.174 Tm. (0,39%); Sada, 2.099 (0,38%); Ferrol, 1710 (0,31%); Muros, 1.541 (0,23%); Noia, 1.451 (0,26%); Sanxenxo, 1.211 (o,22%%); A Pobra, 1.045 (0,19%); ou Cangas, 956 Tm. (0.17%).
Non son as grandes cifras de anos anteriores e mesmo algunhas destas chaman poderosamente a atención. É o caso de Ribeira, cuxa actividade pesqueira é dabondo recoñecida, ao igual que o son Portosín, Porto do Son ou Aguiño, que non figuran na listaxe citada.



