
O Concello de Boiro vai propor ao pleno da Corporación destinar a achega provincial do Plan de Obras e Servizos a obras de mellora da seguridade viaria e servizos en distintos núcleos do rural e ao gasto corrente. Á Administración boirense correspóndelle neste ano 2024 un total de 691.533, 99 euros da axuda da Deputación da Coruña.
Unha das actuacións que se pretende executar é a renovación do pavimento e mellora da seguridade viaria na estrada de subida a Espiñeira. As obras, que ascenden aos 147.100,33 euros, diríxense á “mellora da principal vía de enlace entre o núcleo urbano de Boiro e o Polígono de Espiñeira, así como o principal acceso ao instituto público de Espiñeira, mellorando o firme a seguridade viaria da estrada”.
Outra das actuacións que se pretende con este Plan de Obras e Servizos é a renovación de servizos e pavimentos na rúa 52, entre a DP-1107 e o Esteiro. Unha actuación duns 148.843,26 euros que ten como finalidade continuar coa rede separativa de pluviais e canalización da auga, así como a pavimentación completa da rúa.
A terceira actuación proposta é a pavimentación e varios núcleos rurais como son o Boiro de Arriba, a Armada, Cubeliños, Pazos de Coroño e o Saltiño. Unhas actuacións en pequenos núcleos das distintas parroquias por un importe de 153.206,10 euros e que buscan “mellorar diversos camiños públicos municipais cun importante estado de deterioro, mellorando a vertebración do territorio”, sinalaron fontes do Concello, engadindo que tamén se vai destinar un importe de 242.384,33 euros da axuda provincial a financiar gastos correntes e un importe de 3.234,54 euros para a redución da débeda.



